Amosando publicacións coa etiqueta O noxo compromiso con Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O noxo compromiso con Galicia. Amosar todas as publicacións

luns, xullo 23, 2012

Empezaron eles (Excusatio non petita)

Hai dúas semanas os de Novagalicia banco comezaron unha insultante campaña de publicidade que difundiron por radio, prensa escrita e internet*.

Aínda pódese consultar na seguinte ligazón:


Tras ler a terceira carta-insulto apeteceume contestarlles -dentro das miñas posibilidades- e de ese calentón naceu:



Deixo a miña contra-campaña publicada nesta Constelación por se a alguén lle pode interesar.






*Non sei se a campaña saiu na tele, supoño que si pero eu non a vexo tanto como para sabelo.

xoves, xullo 19, 2012

O noxo, compromiso con Galicia ( VI )


RECORRIDO ALFABÉTICO POLO NOSO COMPROMISO CON VOSTEDES


Apañaremos todas as subvencións que poidamos para mantermos vivos ainda que rematemos con Galicia, España ou Europa.

Banco, para banco o noso! De verdade prefire que lle robe alguén de fora?

As Caixas foron un erro mantido teimudamente durante décadas e son a fonte de todos os males: o cancro, as ditaduras de esquerdas, a taxidermia e o volei praia masculino.

Daremos aos nosos empregados a formación e as instrucións precisas para que rouben só a aqueles dos nosos clientes que teñan uns ingresos anuais superiores a dúas veces e media o salario mínimo interprofesional.

Empeñaremos os seus bens e sen miramentos pediremos axuda aos xulgados para sacalos en poxa e deixalos sen nada.

Fusionarémonos co calquera entidade, ainda estranxeira, esquecendo a Galicia por o noso interese monetario, of course.

Gardaremos a roupa e nadaremos, coma sempre.

Homologaremos a nosa actuación a dos outros bancos.

Investiremos en fábricas de bombas racimo.

Liaremola boa! Total, xa se endebedará o Estado.

Mexaremos por vós e obligaremosvos a asinar un documento con claúsulas abusivas e escuras no que diga que chove.

Non dades creto, seguide lendo?

Extinguiremos os Ñus.

O noso e o sono.

Poremos nos Consellos de Ministros aos nosos.

Quedaremos con todos vosos cartos, mataremos as vosas mulleres e cabalos, violaremos as vosas fillas e os queimaremos os ranchos!

Ruxiremos á lúa como o león dourado no día da ira.

Swaps, quen dixo swaps?

Trécolas, non palabras.

Un banco forte, para unha Galicia forte que encha a nosa caixa (digo banco) forte.

Venderemos só produtos, claros, sinxelos e fáciles de entender.

Xuros abusivos? Falamos o ano que ven.

Zafaremos da lei e da cadea sobornando aos xuices co diñeiro dos clientes.






Aquí en pdf.

O noxo, compromiso con Galicia ( V )


O NOSO BANCO DARÁ TRABALLO AOS NOSOS PÍCAROS


 
Deus Mesmo
Televisor nai
Mondoñedo, Lugo

 
Ninguén daba un duro por nós, as televisións de plasma. Que se éramos moi caras, que se o coltán esclaviza aos humanos de África, que as televisións tradicionais ainda tiraban...

Se todos os pronósticos eran negativos fora de Galicia, que se podía esperar dunha terra tan conservadora como a nosa?

O estudo do Intertational Pannel for the implantation of the plasmas TV in A Terra Chá financiado pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia concluía

nunca antes de las 16:00 horas del 24 de mayo de 2134 las televisiones de plasma superarán en ventas a las tradicionales en Galicia sin un impulso (…)*

É o pulo -que é coma se di “impulso” en galego- chegou das nosas amigas as caixas de aforros galegas.

Centos de milleiros dos meus apilábanse en campos de concentración en China, sufrido condicións intelevisivas: dentro de caixas, sen poder deformar a realidade e difundir, como é a nosa vocación, a Verdade. 
 
Chegaron os xerifaltes das caixas que nos compraron a prezo de custo e vendéronnos aos seus clientes a cambio dos xuros do seu salario mensual durante 36 meses, das comisións por ingreso, extracto, tarxeta de crédito e a oportunidade de saber a quen colocar hipotecas e créditos ao consumo co único gallo de cubrir as súas modestas xubilacións.

Poderán imaxinar o medo que nos entrou cando soubemos do fin das caixas. Agora que aquelas caixas van ser un banco que ía ser de nós?

Temos un compromiso do banco. Todos os nosos pícaros: as tabletas, os teléfonos portá-tiles,... teñen traballo asegurado. Seremos moeda de cambio da liberdade mentras exista un banco galego.





* (…) nunca antes das catro do serán do 24 de maio de 2134 as televisións de plasma superarán en vendas ás tradicionáis en Galicia sen un pulo (…) Vertemos ao galego este texto para demostrar que nós, un proxecto privado galego, somos máis galegos ca Xunta, un proxecto público galego.



Aquí en pdf.

mércores, xullo 18, 2012

O noxo, compromiso con Galicia ( IV )


UN BANCO QUE NON SE ESQUECE DE NÓS, AS GALEGAS



Piumal Vento
Alférez do corpo de calígrafos,
fundadora do Colexio Profesional de Peritas Calígrafas de Galicia
Ourense, Ourense







A banca cambiou moito e en pouco tempo. Que nolo digan a nós, as galegas. Ata hai nada tiñamos dúas caixas e un banco. E agora atopámonos cun só banco, resultado da fusión das dúas caixas. (Perdemos un banco polo camiño, pero ós do Pastor non pagan esta páxina...)

Os nosos principaís clientes nos últimos catro anos foron as dúas caixas. O acordo que firmamos con elas permitiu un crecemento desmesurado do seu capital e a colocación das membras do noso Colexio. Durante o último lustro non houbo paro entre as calígrafas grazas aos convenios coas caixas galegas Pagáronos para falsificar a sinatura dos seus clientes nos test de risco que ten que acompañar (a ditadura que quere controlar o libre mercado, xa saben) moitos dos contratos bancarios. 

Poderán imaxinar o medo que nos entrou cando soubemos do fin das caixas. Agora que aquela caixa é un banco que ía ser de nós? Tratamos de manter as mesmas relacións e tentamos seguir traballando xuntos. Ben cedo chegaron os novos convenios que mantiñan os vellos pactos. A cousas quedaron como estaban: ben, coma sempre.

O mes pasado abriúse unha porta máis a esperanza. Novacobiza prometeunos que nunca recoñecería a falsidade das firmas que encargaron as súas nais. Polo que obrigaría a todos os clientes que quixeran recuperar os cartos das participacións preferentes ou os swaps a presentar unha demanda e probar a dita falsidade cun ditamen pericial. E quen ten que facer ese ditamen? Nós.

Teño que ser agradecida cun Banco que no se esquece de nós, os vellos amigos da familia e que sigue partillando connosco a torta dos cartos, sempre pensando en Galicia, e os galegos e as galegas do presente, o pasado e o futuro. Grazas Novacobiza!





Aquí en pdf.

martes, xullo 17, 2012

O noxo, compromiso con Galicia ( III )


UN BANCO PROPIO ÁBRENOS MOITAS PORTAS



Xosé Tarabelo
Secretario Xeral da Patronal dos cerralleiros de Galicia
Vigo, Pontevedra


A cerrallería é un sector estratéxico en Galicia. A miúdo é moi difícil explicarlle a alguén que non é galego a enorme importancia que esta actividade ten para a nosa sociedade. 

Sabemos as complicacións que causa estar lonxe dos lugares onde se toman as decisións que nos afectan directamente. O desenvolvemento do noso sector levounos a ter que buscar cada vez máis lonxe os recursos, e tamén os mercados e as oportunidades de investimento no exterior.

Este proceso de internacionalización tería sido moito máis difícil de non existiren entidades financeiras próximas e comprometidas coa nosa terra. 

Grazas a este compromiso puidemos abrir portas cada vez máis blindadas, capaces de cerrar todos os vans do mundo e de conservar os ladróns fora; puidemos desenvolver unha industria de transformación e comercialización que é hoxe a máis importante de Europa; podemos contar cunha Universidade que nos proporciona coñecemento e innovación…

Agora, cando se nos presentan novos retos como consecuencia dunha situación económica adversa, o compromiso real e efectivo dun banco que entenda as nosas necesidades é esencial. 
 
A capacidade de emprendemento das nosas industrias necesita o apoio dunha entidade financeira. A existencia dun banco que decida dende Galicia, como viñan facendo as caixas.

De non ter un banco galego desaloxando a miles de familias, todos os nosos emprendedores terían que sufrir a arrepiante praga do desemprego ou, o que ainda é peor ainda que máis galego, a emigración.

Agora debemos seguir pedíndolle a Novacobiza Banco que continúe co apoio á nosa sociedade con iniciativas coma as desenvolvidas durante décadas pola Obra Social: as participacións, preferentes, os xuros abusivos, os swaps, as indemnizacións os seus altos cargos...

Creo que hoxe os galegos e galegas de todos os xéneros debemos apostar por Novacobiza Banco, o último banco galego, que tamén é o mellor banco para nós. E por iso Novacobiza Banco nunca deberá esquecer esta aposta.






Aquí en pdf.

luns, xullo 16, 2012

O noxo, compromiso con Galicia ( II )


DÉRONME UN CRETO SEN AVÁIS


Arsenio Ortigueira
Empresario leonés do téxtil
Arteixo, A Coruña



O teño falado cos meus compañeiros da lista Forbes e sempre chegamos a mesma conclusión: as cousas non están tan mal porque fumos quen de paralas a tempo.
E unha das solucións, ademáis de cambiar gobernos, foi rematar coas vellas caixas para transformalas en modernos, aerodiná-micos e competitivos bancos.
Lonxe quedan os tempos nos que o noso capital desangrábase en obras sociais que non desgravaban impostos. Lonxe as entidades controladas por semianalfabetos elixidos “democráticamente”. Lonxe aquelas oficinas ateigadas de vellas cobrando pensións ou pagando recibos e contando o seu historial médico ao empregado que tiña cousas que facer para nós.
Moito teño que agradecer as vellas caixas, aínda que cando comezaba coa miña primeira tenda de batas puxéronme moitas trabas para prestarme cartos.
Hoxe mesmo, como o ano pasado, déronme un creto de 1.000.000 € para as vacacións sen exixirme aval ningún.
Novacobiza é un banco cercano que cre nas persoas de aquí. Onde se viu senón que o mesmísimo presidente atenda ao teléfono a un autónomo coma min?*

* Arsenio enviou o texto en castelán, o vertemos ao galego por razóns de imaxe pública.







Aquí en pdf

domingo, xullo 15, 2012

O noxo, compromiso con Galicia ( I )


PIDO PERDÓN POR NON DAR MOEDAS


Antón Mático
Caixeiro electrónico
Praza de Galicia, Vilagarcía de Arousa




Non cambiamos nada, poden darme creto, e non é un chiste. Trocamos de nome, de cor pero seguimos atendendo aos galegos de todos os xéneros as 24 horas do día, os 365 días do ano, 5 anos por lustro.

Sei que agora, por culpa das novas interesadas que espallan os nosos inimigos, vides a nós con medo de que amosemos a triste mensaxe de “NON HAI CARTOS” pero iso nunca vai pasar. Nunca negaremos a un galego un só billete (pido perdón por non dar moedas). Nin a xa cercana quebra poderá facernos deixar de traballar: continuaremos admitindo ingresos. 
 
Os que me coñecedes ben sabedes que son un ser racional, non unha computadora desas ás que se pode programar para facer, ou dicir, o que alguén quere. Se escribo isto é porque teño fe neste barco que surca as procelosas augas dos mercados para lograr que vostede pague o vermú do domingo a pesar de esquecer sacar cartos da caixa o venres. 
 
Os sindicalistas, os pensionistas e os funcionarios cargan contra nós para distraer a atención da súa responsabilidade nesta grave crise pero, a quen acuden cando chega o desafiuzamento? Quen lles da calor nas noites do inverno? Quen lles acolle no seo a pesares do seu cheiro, a súa ropa sucia e esas caixas de cartón nas que adoitan durmir?
Nos somos a obra social deste proxecto ilusionante, 100% gaLLego e, por que non dicilo, capitalista que é Novacobiza Banco.




Aquí en pdf.