martes, xullo 17, 2012

O noxo, compromiso con Galicia ( III )


UN BANCO PROPIO ÁBRENOS MOITAS PORTAS



Xosé Tarabelo
Secretario Xeral da Patronal dos cerralleiros de Galicia
Vigo, Pontevedra


A cerrallería é un sector estratéxico en Galicia. A miúdo é moi difícil explicarlle a alguén que non é galego a enorme importancia que esta actividade ten para a nosa sociedade. 

Sabemos as complicacións que causa estar lonxe dos lugares onde se toman as decisións que nos afectan directamente. O desenvolvemento do noso sector levounos a ter que buscar cada vez máis lonxe os recursos, e tamén os mercados e as oportunidades de investimento no exterior.

Este proceso de internacionalización tería sido moito máis difícil de non existiren entidades financeiras próximas e comprometidas coa nosa terra. 

Grazas a este compromiso puidemos abrir portas cada vez máis blindadas, capaces de cerrar todos os vans do mundo e de conservar os ladróns fora; puidemos desenvolver unha industria de transformación e comercialización que é hoxe a máis importante de Europa; podemos contar cunha Universidade que nos proporciona coñecemento e innovación…

Agora, cando se nos presentan novos retos como consecuencia dunha situación económica adversa, o compromiso real e efectivo dun banco que entenda as nosas necesidades é esencial. 
 
A capacidade de emprendemento das nosas industrias necesita o apoio dunha entidade financeira. A existencia dun banco que decida dende Galicia, como viñan facendo as caixas.

De non ter un banco galego desaloxando a miles de familias, todos os nosos emprendedores terían que sufrir a arrepiante praga do desemprego ou, o que ainda é peor ainda que máis galego, a emigración.

Agora debemos seguir pedíndolle a Novacobiza Banco que continúe co apoio á nosa sociedade con iniciativas coma as desenvolvidas durante décadas pola Obra Social: as participacións, preferentes, os xuros abusivos, os swaps, as indemnizacións os seus altos cargos...

Creo que hoxe os galegos e galegas de todos os xéneros debemos apostar por Novacobiza Banco, o último banco galego, que tamén é o mellor banco para nós. E por iso Novacobiza Banco nunca deberá esquecer esta aposta.






Aquí en pdf.

Ningún comentario: