Amosando publicacións coa etiqueta Xermán Valtuille. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xermán Valtuille. Amosar todas as publicacións

sábado, febreiro 11, 2017

UNHA NOVA XORNADA GALEGUISTA

FERROL-CRUÑA

As irmás da fala diante do Ideal Room. 2017.
 
XERMAN VALTUILLE. O sábado 11 de febreiro a Novísima Irmandade da Fala cruñesa celebrou en Ferrol un acto galeguista para conmemorar o mitin que 100 anos antes organizara o Comité de aición galleguista da Hirmandade da Fala da Cruña.

Os bo e enxebre ferrolán, Sr. Gago, e as xentes da fundaçom Artábria emprestaron todo o seu apoio facendo un patriótico esforzo pra difundir a celebración deste acto.

As irmás da Cruña saíron da estación de San Cristovo no tren das 10:50 horas e comezaron a lenta viaxe no convoi. O Sr. Osorio lembrou o anuncio do acto que publicara A Nosa Terra o 6 de xaneiro de 1917 e as verbas de Antón Villar Ponte que convidaba as galegas a se esquecer dos localismos para abrazar o galeguismo. Prosegiu a marcha ao ritmo de cancións da terra.

No apeadoiro de Infesta o Sr. Rodriguez Palleiro reivindicou con vehemencia a colocación dun «by-pass» que traguería a esa liña ferrea a altura dos tempos. O Señor Souto ilustrou a parada en Betanzos lembrado a anécdota contada polo lehendakari Ibarretxe de como Foucellas deixou patacas na porta do seu avó, desterrado nesa parroquia coruñesa, para axudalo a sobrevivir o seu primeiro inverno galego.

Na parte final da viaxe as regueifeiras comezaron unha fera guerra que finalizou sen consecuencias.

Na estación de Ferrol agardaban un fato de enxebres ferrolás cun gaiteiro aos que as viaxeiras replicaron entonando a Foliada da Coruña.

Deseguido comezou un roteiro que levou as galeguistas polo centro de Ferrol. O señor Gago, cicerone de excepción, expricou a impresión que en 1917 causara a rúa Galiano a Villar Ponte. O sr. Dobarro, catedrático de lingua galega, amosou os locais da rúa Real nos que comezaron as actividades da Irmandade de Amigos da Fala de Ferrol.

A visita continuou no Casino onde as irmás desfrutaron dos murais de Bello Piñeiro, unha das obras cimeiras da pintura modernista da nosa terra.

Asi mesmo se achegaron ao edificio do Salón Amboaxe e o Ideal Room, lugares nos que en 1917 celebráronse o mitin e o xantar. Despois da imprescindible fotografía de familia dirixiron os seus pasos a fundaçom Artabria onde se lles agasallou c'un esprendido xantar.

Á hora do café Manolo Bacalhau deleitou as irmás con algunhas das mellores pezas do seu repertorio e o gaiteiro, as pandereteiras e o tambor uníronse as voces das asistentes para intepretar temas da nosa música e voltou a incruenta batalla das regueifas.

Para romatar o acto a Sr. Ramiro e a Sra. Fernández recitaron versos ademirables. O Sr. Gago (pai) interpretou de memoria a peza A Princesa, dos Irmáns da Fala Charlón e Hermida.

Antes de partir do local de Artábria as presentes entonaron o hino galego para pechar unha xornada enxebre que non esqueceremos endexamais.

Até o tren acompañaron as irmás coruñesas moitas amigas de Ferrol. Cando arrincou o convoi houbo vivas a Galicia, a Ferrol e A Coruña e a despedida foi ao compás da Foliada de Cercedo.



Percorrido do Ramalliño, tren da Cruña á Ferrol. Deseño Roberto Castro para a xornada galeguista.


mércores, xullo 06, 2016

A PROL DA NOSA LÍNGOA


A FESTA GALEGA DO SÁBADO


Amigos da Fala somos
Y-o amor de Galicia sea,
Xa que de todos é nai,
Quen nos xunte e nos protexa
(Cántiga dos amigos da fala, Manuel Lugrís Freire)


Parte da xunta directiva da Novísima Irmandade da Fala da Cruña



XERMÁN VALTUILLE. A Coruña. Se a convocatoria que o colectivo In nave civitas tivera máis acollida na imprensa local, a festa que o sábado se celebrou na fermosa paraxe das Maceiras (San Vicenzo de Elviña) tería alcanzado aínda maiores proporcións; porén resultou un verdadeiro éxito para os organizadores desta recreación do centenario da primeira saída ao campo da Irmandade de amigos da fala da Cruña.



As irmás nos terreos da Granxa Agrícola Experimental de Galicia.


Un fato de persoas coas súas mellores galas esportivas do 1916 xuntáronse as 12:00 horas nos vellos terreos da Granxa Agrícola Experimental de Galicia para emprender a pé a marcha até As Maceiras. Ao longo do camiño fixeron distintas paradas lembrando a toponimia, a historia e constantando as grandes mudanzas da cidade no último século.

As irmáns no campeiro d'As Maceiras (Elviña) 

Nas Maceiras agardábanlles algúns veciños de Elviña para lles guiar pola realidade da parroquia e os múltiples problemas que lles ten afectado na derradeira centuria. Canda estes veciños estaban outro fato de persoas, simpatizantes da empresa galeguista que decidiran xuntárense á excursión. Todas xuntas continuaron o seu camiño até o campeiro onda todo estaba ao xeito para comezar co xantar composto por produtos da nosa terra. A comida foi animadísima e algunhas das asistentes aproveitaron o terreo para xogar ao badminton.


Tras dar conta das empanadas, as tortillas, os produtos da nosa horta, os queixos e algunhas larpeiradas bañadas por viños e licores do país; esta Novísima Irmandade proseguiu coa recreación do evento de 1916 que comezou coa lectura dos artigos que os xornais da altura fixeron para anunciar e contar aquela xunta campestre. Deseguido algunhas das persoas presentes leron poemas de Ramón Cabanillas (Adiante, No pinal e Acción gallega), o artigo O gran día de Galicia, de Manuel Lugrís Freire; partes do discurso (A xeración de 1916) que Ramón Villar Ponte dictou ao entraren na Real Academia Galega e a Cántiga dos irmáns da fala, de Manuel Lugrís. A lírica recitada tivo o seu contraponto coa cantada e Moncho do Orzán interpretou un Cantar de arrieiro de Mesoiro e o Pregaria das Irmandades, de José Baldomir.

Logo da recreación proseguiu a festa grazas a música dun formidable gaiteiro, digno herdeiro daquel Emiliano Moscoso que tocou no 1916, ao que acompañaron unha xenial pandereteira, un tamboril e un bombo. As presentes bailaron a muiñeira e o pasodobre e cantaron alalás e outras cantigas. Todo moi ledo, moi propio de nós e prometedor de que a memoria da Irmandade da fala da Cruña prendeu nos corazóns dos galegos deste século que teñen a firme vontade de continuar na loita pola Nosa Terra.

A xornada prolongouse até o luscofusco no que estes novos irmáns regresaron as súas casas coa ledicia nos seus peitos por ter honrado a memoria daquelas mulleres e homes que sementaron fai un século a conciencia de seren nós mesmas e con un feixe de plans para continuar co seu exemplo hoxe.

Saúde e éxito para esta Novísima Irmandade da Fala da Cruña!