Amosando publicacións coa etiqueta Sonigramas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sonigramas. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 18, 2018

O almorzo do duque de Wessex ou "o efecto patatilla (A proposta de ROG para o Sonigrama 132)


Velaí a proposta de Rodrigo Osorio, cada día máis activo, para o sonigrama 132 do Diario cultural da Radio Galega:


O ALMORZO DO DUQUE DE WESSEX OU “O EFECTO PATATILLA”


O duque de Wessex, sabe que ten que agardar exactamente 57 segundos.

O tempo exacto en que as mastigaduras de Xosé Lamas, un vigués que sempre almorza patatillas, fan desenvolvérense uns papéis engurrados dunha Concellaría de Ferrol; que pola súa banda levan agromar a fonte escura de Toulousse. Gurgullar que fai chover en Ouessant, o que espanta ao vento que comeza a súa invisíbel invasión de Inglaterra acirrando ao tren de Bristol que supera unha mañá máis todas as súas marcas.

Cando a teteira escoita o tren, exactamente 56 segundos despois, anuncia que xa está listo o almorzo do duque.

Poden escoitar a versión lida no programa premendo aquí (a partir do minuto 44:40)

luns, xaneiro 16, 2017

Deseño intelixente, proposta para o sonigrama 122

Este é o sonigrama 122 do Diario Cultural da Radio Galega.


E esta a proposta de Rodrigo Osorio que volta con forza a participar no concurso:

DESEÑO INTELIXENTE



Este traballo no sector 7 é pura rutina, cumprir co protocolo de implantación da conciencia do eterno seguindo os plans do Deseñador...




sementar animismo no momento estelar 1350...




panteísmo, 750 unidades estelares despois...




ritos xerárquizados no intre 5415-8...




bailes tribais naquela illa...




e de remate... a autoconsciencia.





E ese berro? Ai! Coido que me pasei coa dose de comprensión.



Léronna no programa de hoxe e podedes escoitala a partir do minuto 39:55 (aprox.)





domingo, novembro 15, 2015

O erro útil

Rodrigo Osorio volta á carga e enviou o seguinte restrallete como proposta para o sonigrama 110 do Diario Cultural da Radio Galega.


-  Entón cre que funcionará?

-  Poden comprobalo vostedes neste ensaio. Aldán, explícalles as conclusións.

- O suxeito B é unha muller de corenta e oito anos: o votante medio. Nos test previos amosou certas tendencias filo-libertarias. De ter que escoller unha papeleta nunca sería unha das súas pero coas nosas "correccións" do sistema de cirbervoto: miren, miren,... Tras catro erros pódelle a preguiza e non le  o que supón premer "aceptar" e... sempre vota por un de vostedes.

- Temos que implantalo, presidente!

- Candidato, é unha cuestión de Estado: o progreso é a nosa única esperanza.



Poden escoitar a versión que leron en antena nesta ligazón:


Ao xurado desta semana, Fran P. Lorenzo, semella que foi o que máis lle prestou aínda que dubide da  existencia do meu ben querido amigo:





luns, novembro 17, 2014

O pesadelo do capital, a proposta de Rodrigo Osorio para o sonigrama 96

Don Diñeiro sempre tiña o mesmo pesadelo: eles aferrábanse  as únicas palabras que lles deixaba decir a Lei e as repetían teimosamente, cada vez máis forte, cada vez máis preto...
E a revolución comezaba.


(Podedes escoitalo a partir do minuto 43:20 no Diario cultural do 14/11/2015)

venres, xaneiro 31, 2014

Compra semanal (Sonigrama 85)

Despois do éxito de Nos caixeiros.

Esta é a proposta de Rodrigo para o Sonigrama 85 do Diario cultural da Radio Galega:

(É necesario escoitar os sons para atopar o sentido? do relato)


COMPRA SEMANAL



Dous de aceite, unha de auga, unha leituga, medio de kiwis,...



unha bandada de gaivotas,...



dous quilos de brócoli, tres de leite semigordo,...



sete galiñas,... Non, oito! (Case se escapa esta)



café, xabrón,unha vaca,...




     - Queta, Rubia! Xa tes dono!



... e tres de cereais.



Mentras colocaba a compra no carriño a caixeira sorriu:


      - En efectivo ou con tarxeta? 

Abriu a botella de auga, deu un grolo e colleu folgos.



    - Teña bo día, señor, e non se esqueza dos cupóns para o cachalote.


martes, xaneiro 14, 2014

Nos caixeiros


Rodrigo Osorio volta facer unha  proposta para o sonigrama 84 do Diario cultural da Radio galega.

Desta volta ten sentido sen necesidade dos sons.



Nos caixeiros



As almas libres,

as prófugas dos cartos

e ás que a maioría

botamos dos pisos amoblados

dormen



               -paradoxos da vida

               (a sucia realidade que construímos votando)-



nos caixeiros.



mércores, novembro 20, 2013

A proposta de Rodrigo Osorio para o sonigrama 81


Tócame a min.
Un seis!
Quen chama?
Volto e alguen moveu as fichas no taboleiro.

Alerta xa
axito o cubilete...
(Brúa o teléfono)
...e paro:
publicidade.
O dado repenica e...
chega un guasap
atendo ao lonxano,
a un intre-scendente dun veciño
As fichas todas
xogan contra min.
Namentres non estaba
levantaron barreiras,
avanzaron xornadas.
Quen fai as trampas neste solitario?




Nesta ligazón lido polo seu autor: Sonigrama 81

martes, outubro 08, 2013

O día seguinte, proposta de ROG para o Sonigrama 78


Xermán escoitouno polo talkie, pero non o creu... Ata que veu a Godzilla. Entón alertou aos seus compañeiros:


- Un dinosaurio vai cara ao robot xigante que víchedes!


Mariola, usuo a radio para decirlle aos dos outros coches patrulla:


- Estades de carallada? Como vos escoiten na comisaría!


Mirou ao final da avenida e foi quen de deixar libre de peóns a senda dos elefantes antes de que pasara a manada das doce.


- Aqui a Central a todos os axentes, deixade baleira Rosalía de Castro, repito, Rosalía de Castro. Mando tres cazas para derribar ao lagarto. Despexade a zona!

xoves, febreiro 28, 2013

A proposta de ROG para o sonigrama 70


Vou centrar un pouco o texto co espazo,
espazo, espazo...


espazo, o espazo no que vogan as ondas do son...


Que estou a escribir?


“Luisa, non é doado comezar esta carta...”


...as metralladoras como máquinas de escribir esquelas...


-Teño que centrarme.


“Luisa, non deixo de pensar no martes cando non fun quen de responder a túa pregunta, tansinxela...”


...as manos dela escribían mentres soaba aquela canción. Son incapaz de porme á máquina sen lembrar aquela serie da tele, Murder, She wrote...


Se non me podo concentrar é mellor co deixe.
Fareino pouco a pouco:

L – u –  i - s - a- ,


martes, xaneiro 22, 2013

Atrás queda mañá no Diario Cultural da RG

Os amigos do Diario Cultural da RG leron hoxe a  proposta  do meu querido alter ego para o sonigrama 68: Atrás queda mañá

Poden escoitalo premendo aquí (a partir do min. 44:20, aprox)

Atrás queda mañá (sonigrama 68)

Proposta de ROG para o sonigrama 68 do Diario cultural da Radio galega:


Non é doado fuxir de cada día:

coller un cadilac

-un vello coche sen dirección hidraúlica-



           (Na radio só emiten falsos temas de onte)



e demasiado amodo

deixar atrás as mesas de cociña.



O escai do asento queima

como a lista da compra:

mellor paro na selva



             (os catro intermitentes)



E,

ainda que morra afogado,

provocarei á besta,

o rei dos paxaros carnívoros,

trotando cos meus

diante das súas fauces.







Para que vou acordar

se son quen son:

un centauro azul e retroactivo?


Poden escoitar os sons que me ¿inspiraron? premendo aquí.


sábado, xaneiro 12, 2013

A elección (Sonigrama 67)

Esta é a nova proposta de Osorio para o sonigrama 67 do Diario cultural da Radio Galega:


A elección

“Aqui ten que ser”

- Bos días! Onde teñen...? Grazas, xa as vexo ao fondo do pasillo.

“A ver esta... Que preguiza! A vermella aquela ten boa pinta...” 

“É lenta, moi pausada, lenta dabondo.” 

“E aquela sinxeliña do recuncho?” 

“Si, señor. Esta é...”

- Canto custa? Aquí ten. Pódema envolver para agasallo?
-  Bo día!

***


- Pinocchio, ven un momento. Teño unha cousa para ti. 
- Papa, é...

- Si, meu ben, a túa alma: un espíritu firme, animoso, alegre. O ritmo que te levará ao futuro.


Lérona (e interpretarona moi ben) en antena o 10.01.2013 . Podedes escoitar a versión que fixeron neste enlace a partir do minuto 45:28


Diario cultural do 10.01.2013

Os sons que ten que inspirar o sonigrama os poñen despois, podedes escoitalos tamén no feisbuc do Diario cultural.

luns, xullo 16, 2012

A catedral e o mal

 - Non é mal plan, non -dixo o Presidente.

O día seguinte unha sombra entrou na catedral. Comprobou que o libro era o libro, colleuno e marchou.

(Case un ano despois.)

 - Rematou o fútbol e aínda queda para as olimpiadas. É o momento: temos que atopar o códice.

(No Milladoiro.)

Os policías fan que buscan.

 - Comisario, esta caixa de ferro está pechada.

 - Usade o soplete!

 - O libro!

(O sábado seguinte.)

Un presidente sorrinte brinda cun xuíz eufórico.

 - Gusto moito destes guateques de despois dos éxitos.

 - Nestes tempos temos ben poucos, Señoría.
 - Saúde!

Pois semella que ROG está de sorte (ou ben inspirado) porque con este relato ven de gañar o sonigrama desta semana do Diario Cultural da Radio Galega.

(Non podo deixar as ligazóns das grabacións porque aínda non as colgaron no seu cibersitio, pero este ten sentido sin o son, non como o da semana pasada)

martes, xullo 10, 2012

Opus 139: Noé (Balada en Re)


Donas e cabaleiros, para este Atardecer do Gaiás logramos traer un experimento musical que ven de abraiar no Campionato Intercontinental de Música Extemporánea. Con vostedes a zoorquestrina do mestre Trolichevonski!

Imos aló.”

Branquiña en tempo...

...e Rubia tamén.”

Ben, Branca”


- Amodo, Rubia, acurta o berro.


1, 2...”

O do elefante foi un risco pero a peza necesitaba algo de rocanrol.”

1, 2...”

Entra o oso”

Un galo? De quen é ese galo?”


 - Queto, Sinbad, deixa o galo! Vladimir, lonxe de Branca!
- Que alguén ate ás bestas
 - Fuxaaaaaan,...


Este conto de Osorio (que só ten sentido, de telo, se se escoita cos sons) ven de gañar o 55.º concurso semanal de contos (sonigramas) do programa Diario Cultural da Radio Galega.

Os do programa propoñen unha secuencia sonora que tes que encher cun relato e esta foi a proposta do meu alter ego. Na seguinte ligazón vai o día co leron en antena:

Diario cultural: 06.07.2012 (a partir do min. 42:09)

E aquí a montaxe que fixeron os do Diario Cultural:

Diario cultural: 09.06.2012 (a partir do min. 42:55)

Por certo que esta non é a primeira aventura de Igor Trolichevonski (o apelido é difícil de pronunciar, non o nego, pero os locutores líanse de máis) os máis memoriosos de vostedes se lembraran de esta outra: