Amosando publicacións coa etiqueta Medre o mar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Medre o mar. Amosar todas as publicacións

venres, decembro 30, 2016

Grafiti sobre mural



O estado do mural na mañá do 29/12/2016.
TAS e MOSI, se son quen de entender a súa caligrafía, decidiron deixar as súas sinaturas sobre o mural Marineda soñada que Kse coa axuda de Choupa (un alumno do IES Eusebio da Guarda que se sumou ao traballo tras pasar unha hora libre mirando como Kse reproducía a serigrafía de Urbano Lugrís) estaban rematando no muro do instituto que da a praza de Pontevedra da Coruña.

Hoxe, con algunhas imprecisións (son xornais), La opinión de A Coruña e El ideal gallego recollen a nova.

Dende In nave civitas sabiamos do risco de facer un mural ao alcance de calquera e xa estamos traballando en reparar a pintura e unha das opcións e, máis ou menos, a que conta a redacción do Ideal.

Máis en:

EL IDEAL GALLEGO: El grafiti de la "Marineda soñada" de Lugrís aparece lleno de pintadas

LA OPINIÓN DE A CORUÑA: Desconsideraciones con Lugrís

xoves, decembro 29, 2016

Marineda soñada, de Urbano Lugrís

Dentro das actuacións do VII día Lugrís (17/12/2016) o colectivo In nave civitas en colaboración co Instituto Eusebio da Guarda e o grafiteiro Kse levaron beleza a un dos muros máis esquecidos do corazón da Coruña.

Estado orixinal do muro.

 O profesor Xulio Cuba suxeriu esta obra, que foi elexida por aclamación dos membros do colectivo:

A obra de Urbano Lugrís, Marineda soñada.


A obra quedou así:

O muro onte pola mañá.

Detalle do mural onte pola tarde.



NOTA: Esta mañá o mural Isabel Ruso, a directora do IES, chamounos para avisarnos disto:

TAS e MOSI deixaron a súa pegada sobre a reprodución de Marineda soñada.
o colectivo In nave civitas xa traballa en recuperar o estado do grafiti.


Máis en:

EL IDEAL GALLEGO: Y en el séptimo día Lugrís su "Marina soñada" descansó en la plaza de Pontevedra. 

LA OPINIÓN DE A CORUÑA: Nuevo homenaje a Lugrís en forma de grafiti.

martes, decembro 20, 2016

Mecenas interesados


Historia contada polo Rucho, bucio de secano, na que refírense os verdadeiros motivos do interese de Abanca na protección do mural.




Escoiten os meus señores
miñas donas coruñesas
esta verídica historia
de interesados mecenas

*

Era Fuencisla Marchesi
unha rica propietaria
con Javier Etcheverría
ela casou ben casada.

Tiña nun local do centro
unha obra excepcional
pintada por don Urbano
chamado o pintor do mar.

*

Alá polo 2010
uns calquera, catro gatos
advertiron o perigo
ao mural hai que salvalo!

E falaron co marido
desa rica propietaria
«Eu non quero protexelo,
quero levalo pra casa!»

*

O concello máis a Xunta
tampouco colaboraron
as súas verbas bonitas
de intención xamais pasaron.

E chegou o 2013
os catro gatos xa fartos
a declaración de BIC
pediron por triplicado.

*
Co silencio negativo
a Xunta intentou cansalos
pero amáis de teimudos
O mural tiña avogado.

E demandaron á Xunta
que continuou negando.
Para evitar a condena
este decreto ditaron.

*

O fresco xa era BIC
nace a obriga de coidalo
e se a obra se perde
pagará o propietario.

Manda facer un examen
para avaliar o estado
«Señora, esto é urxente
hai que restaurar o cadro»

Pouca graza tiña isto
para a rica propietaria
que xa se vía en Teixeiro
se o mural se escarallaba.

A obra era moi cara
e comezou a amolala
pero se tes man nun banco
xa haberá quen por ti faga.

Abanca sae ao auxilio
do capital, como sempre,
«Se vendo ben o do fresco
tapo o das preferentes.»

*

Escoiten os meus señores
miñas donas coruñesas
esta historia verdadeira
de interesados mecenas

e cando lean as novas
nuncan deixen de pensar
porque restauran so este
e non os outros murais.




Cantar de bucio interpretado polo Rucho no VII día Lugrís (17 de nadal de 2016) no cruce das rúas Olmos e Nova da Coruña.


Máis en:


- Alfredo Ferreiro armou este video sobre o VII día Lugrís no seu O levantador de minas.



-   José Calvo publicou este video da interpretación no seu feisbuc.





luns, xaneiro 12, 2015

O narval lugrisán (Monodon galaicum)



É unha especie de cetáceo odontoceto .

A diferencia fundamental co narval común (Monodon monoceros) é que tanto a femia como o macho do narval lugrisán ten o característico corno –en realidade un dente- e ambos lucen unha gran variedade de cores na súa pel.

Carece de aleta dorsal e ten un tamaño mediano entre os cetáceos, cunha lonxitude promedio, nos machos adultos, que oscila ente os 6 e os 7 metros, e un peso arredor das 2 toneladas.

O seu habitat coñecido son as augas atlánticas da costa de Galicia e o norte de Portugal, aínda que se ten avistado na costa cantábrica e en Madagascar e Irlanda, pero sempre por mariñeiros galegos.

O seu nome común débese ao coñecido pintor Urbano Lugrís González que seguindo as descripcións de algúns mariñeiros de Malpica e o Muro o inmortalizou nalgún dos seus cadros.

 Lenda mariña
Urbano Lugrís González
1946
Oleo s/táboa
22 x 22 cm
Consérvase un esquelete completo no Museo do Mar de Bueu (Pontevedra) o que é moi raro porque os baleeiros galegos tiñan o costume de rematar os seus arpóns coa punta do dente dun destes narvais por consideraren que o corno deste narval era letal para as baleas. Esta crencia -nunca confirmada pola ciencia oficial- case que remata coa especie, actualmente protexida pero en perigo de extinción.

Malía tratarse dun cetaceo o Monodon galaicum pode permanecer grandes tempadas baixo o auga sen que ninguén estudiara aínda como pode respirar. Na actualidade Mariña Fernández Sisargas, bióloga da Universidade de Lisboa, prepara a súa tese doctoral sobre esta especie e, aínda que non quere adiantar datos, confirmounos que realizou grandes descubertas sobre os costumes e o xeito de vida deste peculiar cetáceo. «Non se sabía máis do lugrisán porque ninguén antes o estudiara con tempo», dinos Fernández.

Moitas son as lendas que se atribúen a este peculiar habitante dos mares:

Un vello baixoreleve na igrexa parroquial de Iria Flavia amosa como un destes narvais sostén a barca de pedra do apóstolo Sant Iago na súa travesía polo mediterráneo.

As crónicas do porto de Baiona contan que unha ducía -hai tradicións orais que falan dun cento- destes narvais abriron paso á La Pinta de Alvárez Pinzón en 1943.

No libro Lendas da cidade do Orzán, Görthveiller narra como os homes mariños do Orzán usan para os seus viaxes transoceánicos a estes narvais que doman e ten amaestrados «ao xeito cos indios usan os elefantes».

O último avistamento foi o 20 de decembro de 2014 nas cidade da Coruña onde decidiu sumarse á festa da memoria de Urbano Lugrís.

(c) Xurxo Lobato, 2014

luns, marzo 18, 2013

O Parlamento de Galicia e as obras de Urbano Lugrís


Con esto de intentar que non se perdan os murais do noso señor Lugrís estiven a buscar o que fixeran os nosos mandatarios ao respecto e atopei o seguinte:

O 08.06.2009 o grupo parlamentar socialista levou ao Parlamento unha proposición para instar á Xunta de Galicia a:

  • catalogar as obras de Urbano Lugrís González
  • levar a cabo un ditamen do estado das obras do Café Vecchio, do antigo restaurante Fornos e da Casa do Mar de Malpica
  • proceder a limpeza e restauración desas obras


O Boletín do Parlamento de Galicia (BOPG) de 02.11.2009 aprobou a proposición co algunha modificación:

1. Elaborar un inventario das pinturas de Urbano Lugrís González, facendo especial fincapé na obra dispersa en edificios públicos ou privados.

2. Levar a cabo un ditame do estado da obra de Lugrís no Café Vechio e no antigo restaurante Fornos, da Coruña, na Casa do Mar de Malpica e na Escola da Igrexa de Vilaboa.

3. Proceder á limpeza e á restauración que precisan estas obras.

(Ver páx. 8 do documento, 27230 do boletín)

(Desgrazadamente o listado do punto 2. non está completo: faltan polo menos o mural do restaurante Nova Galicia en Santiago de Compostela e os do Museo Massó e outro, que so coñezo de oidas, dunha Farmacia en Pontevedra)

O pasado mes de decembro o grupo parlamentar do BNG preguntou ao Goberbo sobre as actuacións concretas sobre o mural do Café Vecchio (Rúa real, 74 da Coruña) e o Goberno ven de contestar, precisamente a semana pasada, o seguinte (BOPG de 07.03.2013)

(…) a dirección xeral de patrimonio está a elaborar un estudo organoléptico sobre a súa conservación (…) os resultados deseinforme deben servir para que os propietarios dese ben poidan adoptar a s medidas de consevación máis acaidas. Sempre coa colaboración da Dirección de Patrimonio Cultural (...)



En fin que a Xunta de Galicia está moi preocupada polo patrimonio pero fai responsable da súa conservación aos titulares do mesmo.

A parte positiva é que semella que despois da iniciativa dos socialistas comezaron a traballar nas obras enumeradas (tamén na do restaurante Fornos?) polo que certo recoñecemento como Patrimonio Cultural sí que teñen.

Medre o mar!


venres, marzo 15, 2013

Ulises Fingal, outro tango sur-marino.


Xosé Falperra, máis coñecido polo seu alcume tanguista: José Biobardi, foi un dos camaradas das esmorgas coruñesas de Antón Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís.

Adicou varios tangos, poemas e cancións ao xigante pintor coruñés. No 1973 tras a morte de Urbano escribiu un tango sur-marino* (Ulises Fingal, un dos pseudónimos do pintor) en memoria do seu amigo.





A Urbano Lugrís, náufrago de singraduras abondas

Voltando a Ítaca
ben cedo
o xa moi tarde
despois de coa barra disfrutar
o vello Fingall
non atopa abrigo
nin praia na que descansar.

Non hai sereas
que canten para él.
Nin carta que lle indique
o seu destino
O vello Fingall non atopa abrigo,
navega á deriva polo mar.

Voltando a Éire
ben tarde
o xa moi cedo
despois dunha garufa sen igual
o bravo Ulises
non atopa abrigo
nin porto no que amarrar

Non hai sereas
que chamen por él.
Nin faro que ilumine
a súa derrota
E a nao do mariñeiro coruñés
non pode máis que naufragar.



* O de “sur-marino” é un xogo de palabras, unha quimera, entre “surrealismo” e “submarino”, que o tanguero acuñou para definir a obra de Urbano Lugrís.

xoves, marzo 14, 2013

S.O.S LUGRÍS


Mayday, mayday, mayday !
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!,
Securité, securité, securité!

(O'Rivas)
Aviso aos terrícolas:
Somos fillos do mar, vivimos no medio e medio do Océano.
Non podemos perder ao pintor sur-marino: da súa ancora penden os nosos soños.


Alarma. Aviso de auxilio.
Na rúa dos Olmos
os picos traballan as voces
para acadar o silencio
(tamén as lanternas lograron
sementar oscuridade)

Alarma. Aviso de auxilio.
Na rúa dos Olmos
queren matar ao mar,
facernos esquecer
ao Ulises Fingall,
-irmán de Jules Verne-
agochando en formigón
as súas pegadas.

S.O.S Lugrís,
Lugrís S.O.S

Novos trebóns ameazan:
non queren o ronsel
das túas alancadas
Para que conservar a liberdade dun paso
que non quiso seguir o ritmo de ninguén,
(agás o do seu propio corazón)?

Alarma. Aviso de auxilio.
S.O.S Lugrís
Lugrís S.O.S.






luns, xaneiro 21, 2013

Os nove metros, de Xosé Iglesias, mariñeiro

Unha das maiores sortes das miñas reiteradas visitas á Coruña foi coñecer a Xosé Iglesias un home que sabe do que escribe e sabe escribir -e escenificar- o poema da súa vida:



NOVE METROS

Merquei, nove metros de liberdade,
a cambio de ser un escravo do mar.
Hipotequei o meu destiño o vento,
a calma, as ondas , a maraxe.....
Os trescentos sesenta rumbos do compás
e as noites debaixo do universo.
Merquei, nove metros de océano,
o acuario eterno onde os meus sonos
se mezclan entre cardumes e sereas.
Firmei contrato indefinido co ceo:
Buscarían sempre os meus ollos
os hourizontes e as estrelas¡¡¡
Merquei novecentos centímetros de pan,
de sudor, de cheirume, de traballo,
de paciencia , de escravitude e de honor.
Merquei o meu cadaleito, o mar.
Merquei a miña liberdade, o meu barco
E merquei o meu sono, detrás dun timón.