Amosando publicacións coa etiqueta VII día Lugrís. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VII día Lugrís. Amosar todas as publicacións

luns, xaneiro 23, 2017

Rematando a Marineda soñada de Urbano Lugrís


O MURAL «MARINEDA SOÑADA» VOLTA AO SEU ESTADO ORIXINAL.



Foto de Javier Alborés para El Ideal gallego.

Tras romper coas súas sinaturas a harmonía orixinal do deseño de Urbano Lugrís, os grafiteiros fixéronse cargo dos custes da pintura necesaria para reparalo.

O pasado 29/12/2016 o mural que Kse (coa colaboración de Choupa, un alumno do IES Eusebio da Guarda que se sumou ao traballo tras coñecer o proxecto) pintou na praza de Pontevedra por iniciativa do colectivo In nave civitas e a asociación cultural O Mural para conmemorar o VII día Lugrís amaneceu cunhas pintadas que rompían a harmonía do horizonte da serigrafía orixinal creada por Urbano Lugrís González.

O propio Kse localizou e falou cos grafiteiros -que como adoitan facer asinaran o su traballo- e tras explicarlles o motivo da obra e a razón pola que se pintara naquel muro comprometéronse a correr cos custes da pintura necesaria para devolvela ao seu estado orixinal.

Após de que os grafiteiros achegaran a pintura, Kse retomou o traballo para rematar o mural e devolver a beleza a ese recuncho da nosa cidade que xa luce sen aquelas sinaturas.

O grafiti ficará rematado, se Neptuno quere, esta semana.



Máis en:

In nave civitas:  VII día Lugrís
 

Constelación decimoctava:

Os medios locais tamén nolo contan:


Coruña en la onda: Les contamos la historia del grafiti de la plaza de Pontevedra. (A partir do minuto 46:41)




venres, decembro 30, 2016

Grafiti sobre mural



O estado do mural na mañá do 29/12/2016.
TAS e MOSI, se son quen de entender a súa caligrafía, decidiron deixar as súas sinaturas sobre o mural Marineda soñada que Kse coa axuda de Choupa (un alumno do IES Eusebio da Guarda que se sumou ao traballo tras pasar unha hora libre mirando como Kse reproducía a serigrafía de Urbano Lugrís) estaban rematando no muro do instituto que da a praza de Pontevedra da Coruña.

Hoxe, con algunhas imprecisións (son xornais), La opinión de A Coruña e El ideal gallego recollen a nova.

Dende In nave civitas sabiamos do risco de facer un mural ao alcance de calquera e xa estamos traballando en reparar a pintura e unha das opcións e, máis ou menos, a que conta a redacción do Ideal.

Máis en:

EL IDEAL GALLEGO: El grafiti de la "Marineda soñada" de Lugrís aparece lleno de pintadas

LA OPINIÓN DE A CORUÑA: Desconsideraciones con Lugrís

xoves, decembro 29, 2016

Marineda soñada, de Urbano Lugrís

Dentro das actuacións do VII día Lugrís (17/12/2016) o colectivo In nave civitas en colaboración co Instituto Eusebio da Guarda e o grafiteiro Kse levaron beleza a un dos muros máis esquecidos do corazón da Coruña.

Estado orixinal do muro.

 O profesor Xulio Cuba suxeriu esta obra, que foi elexida por aclamación dos membros do colectivo:

A obra de Urbano Lugrís, Marineda soñada.


A obra quedou así:

O muro onte pola mañá.

Detalle do mural onte pola tarde.



NOTA: Esta mañá o mural Isabel Ruso, a directora do IES, chamounos para avisarnos disto:

TAS e MOSI deixaron a súa pegada sobre a reprodución de Marineda soñada.
o colectivo In nave civitas xa traballa en recuperar o estado do grafiti.


Máis en:

EL IDEAL GALLEGO: Y en el séptimo día Lugrís su "Marina soñada" descansó en la plaza de Pontevedra. 

LA OPINIÓN DE A CORUÑA: Nuevo homenaje a Lugrís en forma de grafiti.

martes, decembro 20, 2016

Mecenas interesados


Historia contada polo Rucho, bucio de secano, na que refírense os verdadeiros motivos do interese de Abanca na protección do mural.




Escoiten os meus señores
miñas donas coruñesas
esta verídica historia
de interesados mecenas

*

Era Fuencisla Marchesi
unha rica propietaria
con Javier Etcheverría
ela casou ben casada.

Tiña nun local do centro
unha obra excepcional
pintada por don Urbano
chamado o pintor do mar.

*

Alá polo 2010
uns calquera, catro gatos
advertiron o perigo
ao mural hai que salvalo!

E falaron co marido
desa rica propietaria
«Eu non quero protexelo,
quero levalo pra casa!»

*

O concello máis a Xunta
tampouco colaboraron
as súas verbas bonitas
de intención xamais pasaron.

E chegou o 2013
os catro gatos xa fartos
a declaración de BIC
pediron por triplicado.

*
Co silencio negativo
a Xunta intentou cansalos
pero amáis de teimudos
O mural tiña avogado.

E demandaron á Xunta
que continuou negando.
Para evitar a condena
este decreto ditaron.

*

O fresco xa era BIC
nace a obriga de coidalo
e se a obra se perde
pagará o propietario.

Manda facer un examen
para avaliar o estado
«Señora, esto é urxente
hai que restaurar o cadro»

Pouca graza tiña isto
para a rica propietaria
que xa se vía en Teixeiro
se o mural se escarallaba.

A obra era moi cara
e comezou a amolala
pero se tes man nun banco
xa haberá quen por ti faga.

Abanca sae ao auxilio
do capital, como sempre,
«Se vendo ben o do fresco
tapo o das preferentes.»

*

Escoiten os meus señores
miñas donas coruñesas
esta historia verdadeira
de interesados mecenas

e cando lean as novas
nuncan deixen de pensar
porque restauran so este
e non os outros murais.




Cantar de bucio interpretado polo Rucho no VII día Lugrís (17 de nadal de 2016) no cruce das rúas Olmos e Nova da Coruña.


Máis en:


- Alfredo Ferreiro armou este video sobre o VII día Lugrís no seu O levantador de minas.



-   José Calvo publicou este video da interpretación no seu feisbuc.