xoves, agosto 10, 2017

«P.M.A.», UNHA INTERPRETACIÓN VENTUREIRA

Como (non) nomear un fresco de Urbano Lugrís González

Ventureira (adxetivo). Planta que nace e medra sen ser plantada ou sementada.
Dicionario da Real Academia Galega

Ventureiro (adxectivo) . Casual. Espontâneo […]
Dicionario Estraviz


A TESE (OU REVELACIÓN) VENTUREIRA

Fotografía de Daniel Suárez Pousa, 2010.
O Rubén Ventureira Novo, comisario da exposición Lugrís, paredes soñadas, e encargado da mercadotecnia para revalorizar o fresco que o Urbano Lugrís González [ULG] pintou no baixo de rúa Real 74-76 da Coruña nominou este mural como Vista da Coruña 1669 coas seguintes razóns:

El 28 de enero de 2016, el firmante de este estudio tuvo ocasión de inspeccionar con detención el mural [...] Lo había contemplado decenas de veces [...], pero en aquella ocasión -al poderlo hacer en soledad y sin clientes sentados delante de la obra- tuve por primera vez la sensación de que esta composición me recordaba a otra. Y sabía a cual. Impaciente ante aquella revelación, corrí a casa, tomé de la biblioteca A cidade da Coruña que visitou Cosme III de Médicis, el cuidado libro editado por la Fundación Caixa Galicia en 2006. Lo abrí, y desenrrollé la lamina que contiene. Alli estaba la respuesta: en la panorámica que Baldi realizó durante su visita en 1669.

[...]

Es justo en el interior de ese escudo donde el autor firma el mural. No hemos localizado ninguna otra rúbrica similar en toda la obra de Lugrís. Solía firmar con su primer apellido, acompañado de un ancla y, en ocasiones, del año de realización de la pieza. Algunas veces añadía inscripciones [...] En el caso de Vista de A Coruña 1669, al primer apellido y al ancla añade las iniciales P.M.A.

¿Se trata de un guiño de Lugrís a Baldi? Recordemos que nuestro artista era muy aficionado a los jeroglíficos, y hasta los confeccionó para Vida Gallega . Y P.M.A. es la abreviatura de un término legal de origen latino que aún hoy se usa en el contexto de los derechos de autor. Se traduce al español como «después de la muerte del autor». ¿Nos está diciendo Lugrís -de esta forma tan singular- que Baldi después de muerto es el coautor de este mural? Creemos que sí que se trata de un mensaje cifrado para la posteridad con el que el pintor coruñés quería dejar entrever la inspiración de su obra.

[Vista de A Coruña 1669 en Lugrís, paredes soñadas. Catálogo da exposición. Afundación. 2017, páxs. 24 e ss.]

REFUTACIÓN DE VENTUREIRA

- Ha llegado un hombre que se me parece a Orestes.

- A Orestes solo se parece Orestes
- Luego ha llegado Orestes.

Orestiada. Esquilo, cita terxiversada por Álvaro Cunqueiro para iniciar o seu Un hombre que se parecía a Orestes.

Dúas son as razóns fundamentais que levan ao Rubén Ventureira a vencellar o fresco de Lugrís coa acuarela de Baldi: a semellanza das dúas vistas da Coruña e a interpretación das sigla «P.M.A.». Intentarei refutar por separado cada unha delas:

(A Coruña é a cidade do mundo que máis se semella á Coruña)

O argumento que a vista da Coruña feita por Baldi se asemella a feita por Lugrís é pura tautoloxía. Todas as vistas da Coruña, dende un punto similar, asemellánse as unhas as outras porque só Orestes se parece a Orestes.

Realmente este argumento do Rubén Ventureira Novo é irrefutable por van, do mesmo xeito podemos atopar semellanzas con calquera das outras vistas da Coruña feitas con anterioridade a 1952, data na que o ULG pintou o fresco na sede do Banco Hispano-Suízo.

Resalta o Rubén Ventureira as semellanzas entre as dúas obras pero entre o fresco e a acuarela hai diferencias abondas:

a) O mural de Lugrís non é propiamente unha vista da Coruña, é unha vista do mar e o ceo da Coruña. Nunha primeira visión destaca unha diferencia esencial mentres que na acuarela de Baldi a cidade da Coruña ocupa a meirande parte do espazo, na obra de ULG o mar e sobre todo o ceo -como tantas outras veces nas súas obras- son os protagonistas principais.

b) Se ben a idealización lugrisán non me permite ser categórico, semella que A Coruña do seu fresco é anterior a 1669 porque a cidade está moito menos desenvolvida que na acuarela de Baldi.

c) Tampouco podemos esquecer a construción da parte dereita do fresco do ULG; esa típicaedificación metafísica das obras lugrisás sepáranos da obra de Baldi dun xeito evidente

d) Os muíños, un dos elementos arquitectónicos que nunca esquece ULG nas súas vistas da Coruña, non aparecen na obra de Baldi e si no fresco de Lugrís.

Tan lexítimo é deterse nas (incuestionables) semellanzas como nas diferencias, cada un faino para armar unha tese determinada e a miña sepárase da do Rubén Ventureira.

(A cita e o plaxio na obra de ULG)

Por outra banda, que o ULG coñecera a obra de Baldi e lle quixera facer unha homenaxe, ou directamente plaxiala, no seu fresco da rúa Real non é unha hipótese desdeñable.

O pintor tiraba do seu saber enciclopédico e das súas variadas lecturas para encher a súa obra (pictórica e literaria) de referencias, homenaxes e xogos. Non é este lugar para facer unha exhaustiva relación, nin son eu a persoa máis indicada para facela, pero é sinxelo atopar o espello dos esposos Arnolfini no cadro A habitación do vello mariño e fai pouco lancei a miña tese da homenaxe que fai ao Francisco Miguel no Retablo do descubrimento, unha tese que aínda agarda refutación.

Pero tamén Lugrís, como algún dos seus contemporáneos (Nabokov, Perucho, Cunqueiro,...) é un mestre da falsa erudición e sementa a súas obras -fundamentalente as literarias- de citas que os lectores medios nunca poderemos saber se son acaecidas ou ficiticias. Unha lectura rápida da recopilación da obra escrita do ULG [Balada de los mares del norte, Alvarellos editora, 2008] fainos ver claramente como xunto as citas verdadeiras hai moitas outras que saíron do maxín do noso poeta. Quen é ese Görthveiler que describiu tan precisamente a cidade asolagada de Orzán?

(Un primeiro achegamento a P.M.A.)

Outro dos fundamentos da tese do Rubén Ventureira é o significado da sigla P.M.A. que Lugrís colocou xunto a súa sinatura. Como chega Ventureira a esta interpretación? Dun xeito rápido e moi neo-milenarista: se vostede pon as siglas «P.M.A» nun dos programas de procura na internet atopa, como primeira interpretación á que tirarlle uso neste eido, a de post mortem auctoris.

Poden ver as posibilidades que para a sigla P.M.A da a wikipedia na seguinte ligazón.

Pero a expresión post mortem auctoris é, nomeadamente (dínolo tamén a wikipedia) unha expresión técnico xurídica que fala do tempo ao que se extenden os dereitos de propiedade intelectual tras a morte dun creador: Evidentemente a interpretación literal serve aos fins do Rubén Ventureira pero el tamén afirma no seu estudio:

[n]o hemos localizado ninguna otra rúbrica similar en toda la obra de Lugrís.

Nunha revisión minuciosa -e con axuda dunha lupa– atopei unha proba de cargo contra esa afirmación. No oleo sobre táboa titulado Monstro mariño do ano 1963, reproducido no catálogo da mostra antolóxica de 1989 o ULG asina exactamente igual que no fresco da rúa Real

Lugris [áncora]
1963
P.M.A

se a hipotese do Rubén Ventureira fose certa teríamos que atopar unha obra anterior da que esta fora copia, o que non é improbable pero, pode a dita sigla significar outra cousa? Eu manteño que si.
Detalle da sinatura do cadro Monstro mariño de Urbano Lugrís

(P.M.A., xeroglífico ou sigla?)

Por outra banda o uso da sigla feito por Lugrís no fresco da rúa Real pouco se asemella a súa técnica de elaboración de xeroglíficos. Os seus enigmas pictográficos, como a súa literatura, son barrocos de máis e froito do seu enciclopédico saber, pero descifrables sen máis elementos que os do propio deseño. Pódese descifrar a sigla P.M.A sen máis elementos que os que ULG deixou no fresco? Segundo Rubén Ventureira, non, polo que non podería cualificarse como xeroglífico.

(Pero que escribiu Lugrís nos seus cadros?)

A obra pictórica de Lugrís non é allea á letra escrita, nos seus cadros e murais atopamos textos, siglas e lendas. Para que usa o ULG eses textos? Farei un breve resumo sen ánimo ningún de esgotar todas as posibilidades:

a) Para lle dar verosimilitude as obras. Así n'A Habitación do vello mariño, no Anticuario do porto e no resto de cadros herdeiros dos gabinetes de curiosidades aparecen os nomes dos navíos, os títulos dos libros e os gravados, etc...

b) Para construir aleluias posmodernos insertando poesías propias como é o caso das táboas da casa do pescador de Malpica.

c) Para permitirmos interpretar a obra introduce algunha referencia a súa vida personal [«In memoriam caput castellae»] é o caso da táboa Cerre caput Castellae de 1963 cadro excepcional (en ambas as dúas acepcións) na súa traxectoria.

d) As súas iniciais (U.L.G.) nun corredor decorado na Romería galega en 1830 ou a sigla R.L., no mesmo sitio na taboa titulada Festa. Aínda pendente de ser descifrada, semellan unha simple brincadeira.

e) Hai moito «Laus deo» nas súas obras, por exemplo, no mural da rúa Olmos, na táboa central do Retablo do descubrimento.

f) Tamén, en ocasións, inclúe o título do cadro como no caso do mural que pintou para a familia Lugrís-Muñoyerro en Madrid (La Coruña, 1830) ou o nome do propietario (Lago) na rosa dos ventos do Mapa de Galicia que pintou para o concesionario de Citröen Lago y Lago, da Coruña.

g) E tamén plasma citas doutros autores «Se me deran a escoller / eu non sei que escollería / si entrar na Cruña de noite / o entrar no ceo de día» [versos do Alberte García Ferreiro] e o «Hic habitat felicitas» [que ten a súa orixe nunha ben curiosa inscripción atopada nunha panadaría da vella Pompeia] nos murais da rúa Olmos.

h) Para datar e localizar a obra, o caso máis profuso é o dos frescos da rúa Olmos no que lemos:

VRBANO LUGRÍS.
PINTOR DE LA CORVÑA
FINÓ AQVESTA OBRA
EN EL DÍA VEINTICVA
TRO DE FEBRERO DE
MCMLI
LAVS DEO LAVS [PALABRA HOXE ILEXIBLE]

i) E, até onde puiden saber, dous misteriosos «P.M.A.» xunto a súa firma.


OUTRAS ALTERNATIVAS VENTUREIRAS OU ALLA VENTUREIRA.

(UNHA PAUSA PARA A BRINCADEIRA LUGRISÁ.)


Usando o mesmo sistema que o da tese refutada podemos darlle a sigla unhas outras interpretacións con máis miolo.

Unha posibilidade, tamén en latín, é a expresión
peccata minuta auctoris
que polo seu uso estendido non precisa tradución. Nos quere decir o ULG que o seu mural tampouco é gran cousa e que tras rematalo pasou a obras máis elevadas?

Mantendo a cifra do Rubén Ventureira podemos interpretar a expresión xunto co nome do autor
Lugrís post mortem auctoris
e tirar unha interpretación máis complexa e psicolóxica, Lugrís consíderase morto dende 1939 no que o mundo liberal, republicano e nacionalista no que foi criado e ao que contribuíu foi destruído pola barbarie e pinta o fresco, pois, despois da súa propia morte.

Pero o problema destas interpretacións é que non teñen asento en ningún outro feito e que non se poden manter con seriedade, son interpretacións casuais, espontáneas, é dicir, ventureiras.

UNHA ALTERNATIVA PLAUSIBLE


Lo más sospechoso de las soluciones es que se las encuentra siempre que se quiere.


Un aforismo de Rafael Sánchez Ferlosio

Cando escribín sobre algunhas das diferencias entre a acuarela de Baldi e o fresco de Lugrís destaquei que os protagonistas da obra do ULG son o mar e o ceo e, en xeral, a paisaxe toda que rodea unha cidade da Coruña arredor de 1669. Se o ULG pon nalgunha das súas obras o título, pode ese «P.M.A.» ser o título? Cal podería ser ese título?

Para non andar a procura de solucións que sempre se atopan cando se buscan decidin facer unha moi pequena enquisa entre próximos -sen lles revelar a súa finalidade- que deu os seguintes resultados, ordenados consonte o número de partidarios:

- vista da Coruña, ou outras alternativas semellantes [12 respostas]
- o golfo ártabro [3 respostas]
- a cidade do faro [2 respostas]
- o mar de María Antonia [1 resposta]

Pódese reducir algúns deses posibles títulos á sigla P.M.A.? A resposta sorprendentemente é afirmativa, a primeira denominación do golfo ártabro é portus magnus artabrorum. Por seguir coa moda da documentación ultramoderna, di a wikipedia que o golfo Ártabro se corresponde

co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum.

Evidentemente A Coruña que vemos no fresco non é a da época romana, pero... por que non ía usar o ULG esa locución para referirse ao cosmos que rodea a cidade barco?

(O coñecemento do mundo clásico de Urbano Lugrís)

Unha simple referencia aos máis próximos educadores de ULG: Purificación González, Manuel Lugrís, Francisco Tettamancy é suficiente para afirmar que o noso pintor era un coñecedor profundo da historia galega pero, como sempre é preciso acreditar as afirmacións, velaí vai unha sucinta serie de referencias a historiografía clásica que fixo o ULG na súa sección Almacén de curiosidades na revista Vida Gallega [A páxina a que se fai referencia é a da recopilación Balada de los mares del norte]:

¿Sabe el lector que el geografo-poeta romano (o Ribadense, según otros) del siglo IV (a. J.) Rufo Festo Avieno, en su poema ORA MARITIMAE, describe y exalta la muiñeira con encendidas palabras, a su paso por Galicia, hace unos dos mil trescientos años? [páx. 275]

¿Sabe el lector que según el libro de Apicio, el rodaballo gallego era muy estimado por los gourmands de Roma, adonde se llevaba en grandes tinajas de barro a bordo de galeras imperiales? [páx. 287]

¿Sabe el lector que segun Polibio nos cuenta y Plinio asegura, los pescados y salazones de Galicia eran más apreciados en Roma que los del Ponto? [páx. 288]

¿Sabe el lector que [en el] Museo [Provincial de La Coruña] se conserva una lápida, encontrada cerca de las murallas de la ciudad con una graciosa inscripción latina, que, traducida, dice así: «Llegué a puerto. Esperanza y fortuna, que os vaya bien. Os burlasteis de mi. Burlaos ahora» ? [páx. 289]

Acreditado o coñecemento da cultura clásica do noso autor sosteño que coa sigla P.M.A. fai referencia ao portus magnus artabrorum pero non podo manter que ese sexa o título do fresco, por máis que eu quixera, porque hai outra obra (o dito Monstro mariño, de 1963) que contén a mesma referencia e para que o dito título non ten sentido.

Polo que a sigla non é máis que o lugar que xunto a sinatura localizan e datan a obra, se ben neste fresco non deixa ULG unha referencia a data como adoitaba facer. Pero para que localizar un mural que pola súa natureza ía exhibirse no  lugar no que se pintou?

ACREDITACIÓN DA MIÑA TEORÍA

Moi recentemente atopei unha proba máis (case que irrefutable) da miña hipótese na páxina 54 do libro El tesoro de punta Herminia y otros textos sumergidos, na dita páxina reprodúcese unha ilustración do ULG publicada no número de agosto de 1956 de Vida Gallega que o autor asina:

Lugrís
Portus Magnus Artabrorum
MCMLV

que deixa claro o seu coñecemento da locución e a súa finalidade de localización e datación da obra.

Pero no caso dun fresco –que salvo que apareza un banco venezolano- vai a estar sempre inmóbil no lugar no que se pintou, cal era a intención do pintor do mar ao colocar a sigla P.M.A canda a súa sinatura no mural que pintou no baixo dos números 74-76 da rúa Real da Coruña?

Tirarei para o meu interese e direi que non foi outra que nomear o mural que ben podemos comezar a chamar, co todo o respeto ao Baldi e ao Ventureira, interpetando a sigla usada por Urbano Lugrís, Portus magnus artabrorum.


Detalle da sinatura de ULG no deseño publicado no número deagosto de 1956 de Vida Gallega [Fonte El tesoro de punta Herminia y otros textos sumerigidos, cedido por Alvarellos Editora]

BIBLIOGRAFÍA

AA.VV. LUGRÍS, PAREDES SOÑADAS. Catálogo da exposición. Afundación. 2017.

AA.VV. URBANO LUGRÍS. Catálogo da exposición antolóxica. Concello da Coruña. 1989.

Lugrís González, Urbano. BALADA DE LOS MARES DEL NORTE. Alvarellos editora. 2008. Edición a cargo de Olivia Rodríguez González

Lugrís González, Urbano. EL TESORO DE PUNTA HERMINIA Y OTROS TEXTOS SUMERGIDOS. Alvarellos editora. 2017. Edición a cargo de Olivia Rodríguez González

Patiño, Antón. URBANO LUGRÍS (VIAXE AO CORAZÓN DO OCÉANO) Ediciós do Castro. 2007.

2 comentarios:

brancalúa dixo...

Fantástico traballo. Os meus parabéns.
Pilar

Rodrigo Osorio Guerrero dixo...

Grazas, Pilar, non eres moi obxectiva pero...