A FESTA GALEGA DO
SÁBADO
Amigos da Fala somos
Y-o amor de Galicia sea,
Xa que de todos é nai,
Quen nos xunte e nos protexa
(Cántiga dos amigos da fala, Manuel Lugrís Freire)
Parte da xunta directiva da Novísima Irmandade da Fala da Cruña
XERMÁN VALTUILLE. A Coruña. Se a convocatoria que o colectivo In nave civitas tivera
máis acollida na imprensa local, a festa que o sábado se celebrou
na fermosa paraxe das Maceiras (San Vicenzo de Elviña) tería
alcanzado aínda maiores proporcións; porén resultou un verdadeiro
éxito para os organizadores desta recreación do centenario da primeira
saída ao campo da Irmandade de amigos da fala da Cruña.
As irmás nos terreos da Granxa Agrícola Experimental de Galicia.
Un fato de persoas
coas súas mellores galas esportivas do 1916 xuntáronse as 12:00
horas nos vellos terreos da Granxa Agrícola Experimental de Galicia
para emprender a pé a marcha até As Maceiras. Ao longo do camiño
fixeron distintas paradas lembrando a toponimia, a historia e
constantando as grandes mudanzas da cidade no último século.
As irmáns no campeiro d'As Maceiras (Elviña)
Nas Maceiras
agardábanlles algúns veciños de Elviña para lles guiar pola
realidade da parroquia e os múltiples problemas que lles ten
afectado na derradeira centuria. Canda estes veciños estaban outro
fato de persoas, simpatizantes da empresa galeguista que decidiran
xuntárense á excursión. Todas xuntas continuaron o seu camiño até
o campeiro onda todo estaba ao xeito
para comezar co xantar composto por produtos da nosa terra. A comida
foi animadísima e algunhas das asistentes aproveitaron o terreo para
xogar ao badminton.
Tras dar conta das
empanadas, as tortillas, os produtos da nosa horta, os queixos e
algunhas larpeiradas bañadas por viños e licores do país; esta
Novísima Irmandade proseguiu coa recreación do evento de 1916 que
comezou coa lectura dos artigos que os xornais da altura fixeron para
anunciar e contar aquela xunta campestre. Deseguido algunhas das
persoas presentes leron poemas de Ramón Cabanillas (Adiante, No
pinal e Acción gallega), o artigo O gran día de Galicia, de Manuel
Lugrís Freire; partes do discurso (A xeración de 1916) que Ramón
Villar Ponte dictou ao entraren na Real Academia Galega e a Cántiga
dos irmáns da fala, de Manuel Lugrís. A lírica recitada tivo o
seu contraponto coa cantada e Moncho do Orzán interpretou un Cantar
de arrieiro de Mesoiro e o Pregaria das Irmandades, de José
Baldomir.
Logo da recreación
proseguiu a festa grazas a música dun formidable gaiteiro, digno
herdeiro daquel Emiliano Moscoso que tocou no 1916, ao que
acompañaron unha xenial pandereteira, un tamboril e un bombo. As
presentes bailaron a muiñeira e o pasodobre e cantaron alalás e
outras cantigas. Todo moi ledo, moi propio de nós e prometedor de
que a memoria da Irmandade da fala da Cruña prendeu nos corazóns
dos galegos deste século que teñen a firme vontade de continuar na
loita pola Nosa Terra.
A xornada
prolongouse até o luscofusco no que estes novos irmáns regresaron
as súas casas coa ledicia nos seus peitos por ter honrado a memoria
daquelas mulleres e homes que sementaron fai un século a conciencia
de seren nós mesmas e con un feixe de plans para continuar co seu
exemplo hoxe.
Saúde e éxito para
esta Novísima Irmandade da Fala da Cruña!