mércores, decembro 19, 2012

III DÍA LUGRÍS (o cartel)



Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódalas cráteres do mundo
de onde vai saír a túa voz de capitán antigo
bruando coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das caballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.

Estou inerme debaixo da besta apocalíptica
torcéndolle os testículos: son o profesta enfurecido
que non pode entende-la túa morte, a túa morte, a túa morte.

¿Quen vai coidar agora dos soños na fronteira da Patria?
Ouh, guardián terrible. Argonatura, Vello titiriteiro conmovido.
Esta noite zugo o viño máis ácedo. Esta noite cavo leguas

profundas de memoria pra camiñar contigo novamente,
agardo vixiante nas illas mais remotas a túa fragata,
a túa nave inconsútil.

Asisto cun ferro atravesado nas virillas
ó enterro da miña mocedade. E escoito
a treboada universal cando derruban a pirámide
e os cabalos das batallas pisan aqueloutrados
o noso tempo
onde a túa grande man de mariñeiro crepuscular
prendía os astros.

Asoballado por única vez, cun lobo famento nas arterias,
atravesas un país xiado
e cantas con voz rouca nos subterráneos boreais o teu amor
e un milleiro de defuntos apodrecidos pola ira
cóbrense entón de rosas e lembran o fulgor da súa terra.

Se non fora tan lonxe, ¡con que ardentía de compañeiro de catástrofe
tiña de calafatea-los teus ósos, coutando con barro elemental
esa longa ferida
que un deus sen pálpebras furou na túa illarga!

Era-la derradeira esperanza do mundo. Pastor de naves,
cun corazón multicolor de tirreme fenicia
amába-la rota fundamental dos exploradores celestes
e intimamente andabas
polos tellados vestido de astronauta galego.

¡Meu amigo sobrenatural!

Hoxe desexo, tanto coma Ulises, atopar unha barca que me leve
ás costas de Galicia. Son prisioneiro dunha forza estraña.
Navegamos a cegas por ríos diferentes
e o noso canto retumba nos confíns da saudade,
os dous loitamos con yatagáns de aceiro contra o tempo,

o teu xa tan preciso, o meu tan vago, fuxidío
que me acoitela en tódolos recantos.

¡E esa dor e non verte, meu amigo! 

(Pranto por Urbano Lugrís, de Antón Avilés de Taramancos)
Orixinariamente publicado en La Voz de Galicia o 11 de xuño de 1974, este poema figura recompilado dentro de Os poemas da ausencia II no volume O tempo no espello, Ed. do Castro, Sada

martes, decembro 18, 2012

III DÍA LUGRÍS

A cidade barco


Sábado, 22 de decembro




O movemento cidadán In Nave Civitas e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG) convocan a toda a cidadanía a unha nova xornada cívica de homenaxe a Urbano Lugrís, o gran pintor das cousas do mar.




Na obra do artista agroma un mar sen tempo, onde os elementos coruñeses –Marola, Torre, Orzán- se converten en arquetipos –illa, faro, praia- para nós contar a historia toda dos océanos. A presenza de Urbano Lugrís segue a iluminar as rúas e tabernas da Pescadería, como representante máximo da bohemia. Poderosa humanidade – así o definiu o poeta Antón Avilés de Taramancos- protagonista de moitas historias populares daquela cidade dos anos cincuenta.




Mais tamén, un ano máis, este Día Lugrís ten que ser, desgraciadamente, unha xornada de reivindicación. Lugrís mostrounos un océano máxico, cheo de historias e de misterios inmortalizados para sempre en debuxos, cadros e murais. Admirado por moitos, a súa figura fica esquecida e mesmo algunhas da súas obras palidecen á intemperie. A obra que creou para diferentes locais hostaleiros coruñeses, non goza de protección institucional ningunha. O grande mural da cafetería Veccio da Rúa Real ten un futuro absolutamente incerto. Máis grave é aínda a situación das pinturas que decoraban o antigo restaurante Fornos ( Rúa dos Olmos). Un establecemento actualmente pechado, sen control público ningún sobre estado desas obras.




Ante isto, o colectivo cidadán In Nave Civitas e a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega queremos removelas conciencias e honrala memoria de Urbano Lugrís coa celabración do III Día Lugrís: 
 

ACCIÓN LUGRÍS, velaí o programa deste ano:


20 horas.  Obradoiro submarino: Xuntanza no Obelisco para decorar paraugas con debuxos de peixes. Se chove, faremos da necesidade virtude, e poderemos principiar deseguido, ao son dos gaiteiros, a manifestación atlántica.  
 

20.30 horas.  Camarote Lugrís: Intervención pictórica na rúa Mantelería, no lugar onde estivo situado o estudo do artista.


http://vivirdebuenagana.files.wordpress.com/2009/01/lugris1948habitaci25c325b3n-de-un-viejo-marinero-blog1.jpg 


21.00 horas. Habitación do vello mariñeiro. Presentación no Borrazás, café moi querido por Lugrís, do colectivo poético-musical In Nave Civitas, artistas diversos reunido ao redor da condición da Coruña como cidade-barco.


Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco !

Medre o mar !




domingo, decembro 02, 2012

Outro desafiuzamento

Mándame Rodrigo este cibercorreo dende A Coruña e non me resisto a partillalo con vostedes:


Vivía alí, no único sitio no que lle deixamos, debaixo dos soportais dunha praza calquera, dunha cidade calquera (A Coruña). Pouco a pouco foi acumulando cousas na súa casa (como facemos todos).

Todos os días cando pasaba xunto a él (non sei se era unha muller ou un home) ao ir e voltar do traballo o vía durmindo, pola mañá era aínda cedo e ao sair eu, era a súa hora da sesta.




O luns pasado acabou coa nosa paciencia... Algún de nós chamou as forzas da orde e o desaloxaron da rúa (?), as normas teñen estes paradoxos. Vin aos empregados da limpeza levando a súa cama ao camión do lixo, e botando cousas (as súas cousas) en bolsas de plástico a un contedor escoltados por dous policías municipais.




Cando voltou a súa casa (o seu curruncho no mundo) tiña menos que nada. Non sei que cara puxo. Quizáis simplemente alzou os ombreiros e seguiu na procura de novas cosas nos colectores de tan afeito como está a eses fenómenos da naturaleza cos que loita de cotío: o frío, o desinterés, a choiva e o capitalismo.