luns, xaneiro 12, 2015

O narval lugrisán (Monodon galaicum)



É unha especie de cetáceo odontoceto .

A diferencia fundamental co narval común (Monodon monoceros) é que tanto a femia como o macho do narval lugrisán ten o característico corno –en realidade un dente- e ambos lucen unha gran variedade de cores na súa pel.

Carece de aleta dorsal e ten un tamaño mediano entre os cetáceos, cunha lonxitude promedio, nos machos adultos, que oscila ente os 6 e os 7 metros, e un peso arredor das 2 toneladas.

O seu habitat coñecido son as augas atlánticas da costa de Galicia e o norte de Portugal, aínda que se ten avistado na costa cantábrica e en Madagascar e Irlanda, pero sempre por mariñeiros galegos.

O seu nome común débese ao coñecido pintor Urbano Lugrís González que seguindo as descripcións de algúns mariñeiros de Malpica e o Muro o inmortalizou nalgún dos seus cadros.

 Lenda mariña
Urbano Lugrís González
1946
Oleo s/táboa
22 x 22 cm
Consérvase un esquelete completo no Museo do Mar de Bueu (Pontevedra) o que é moi raro porque os baleeiros galegos tiñan o costume de rematar os seus arpóns coa punta do dente dun destes narvais por consideraren que o corno deste narval era letal para as baleas. Esta crencia -nunca confirmada pola ciencia oficial- case que remata coa especie, actualmente protexida pero en perigo de extinción.

Malía tratarse dun cetaceo o Monodon galaicum pode permanecer grandes tempadas baixo o auga sen que ninguén estudiara aínda como pode respirar. Na actualidade Mariña Fernández Sisargas, bióloga da Universidade de Lisboa, prepara a súa tese doctoral sobre esta especie e, aínda que non quere adiantar datos, confirmounos que realizou grandes descubertas sobre os costumes e o xeito de vida deste peculiar cetáceo. «Non se sabía máis do lugrisán porque ninguén antes o estudiara con tempo», dinos Fernández.

Moitas son as lendas que se atribúen a este peculiar habitante dos mares:

Un vello baixoreleve na igrexa parroquial de Iria Flavia amosa como un destes narvais sostén a barca de pedra do apóstolo Sant Iago na súa travesía polo mediterráneo.

As crónicas do porto de Baiona contan que unha ducía -hai tradicións orais que falan dun cento- destes narvais abriron paso á La Pinta de Alvárez Pinzón en 1943.

No libro Lendas da cidade do Orzán, Görthveiller narra como os homes mariños do Orzán usan para os seus viaxes transoceánicos a estes narvais que doman e ten amaestrados «ao xeito cos indios usan os elefantes».

O último avistamento foi o 20 de decembro de 2014 nas cidade da Coruña onde decidiu sumarse á festa da memoria de Urbano Lugrís.

(c) Xurxo Lobato, 2014

Ningún comentario: