martes, xaneiro 22, 2013

Atrás queda mañá no Diario Cultural da RG

Os amigos do Diario Cultural da RG leron hoxe a  proposta  do meu querido alter ego para o sonigrama 68: Atrás queda mañá

Poden escoitalo premendo aquí (a partir do min. 44:20, aprox)

Atrás queda mañá (sonigrama 68)

Proposta de ROG para o sonigrama 68 do Diario cultural da Radio galega:


Non é doado fuxir de cada día:

coller un cadilac

-un vello coche sen dirección hidraúlica-



           (Na radio só emiten falsos temas de onte)



e demasiado amodo

deixar atrás as mesas de cociña.



O escai do asento queima

como a lista da compra:

mellor paro na selva



             (os catro intermitentes)



E,

ainda que morra afogado,

provocarei á besta,

o rei dos paxaros carnívoros,

trotando cos meus

diante das súas fauces.







Para que vou acordar

se son quen son:

un centauro azul e retroactivo?


Poden escoitar os sons que me ¿inspiraron? premendo aquí.


luns, xaneiro 21, 2013

Os nove metros, de Xosé Iglesias, mariñeiro

Unha das maiores sortes das miñas reiteradas visitas á Coruña foi coñecer a Xosé Iglesias un home que sabe do que escribe e sabe escribir -e escenificar- o poema da súa vida:



NOVE METROS

Merquei, nove metros de liberdade,
a cambio de ser un escravo do mar.
Hipotequei o meu destiño o vento,
a calma, as ondas , a maraxe.....
Os trescentos sesenta rumbos do compás
e as noites debaixo do universo.
Merquei, nove metros de océano,
o acuario eterno onde os meus sonos
se mezclan entre cardumes e sereas.
Firmei contrato indefinido co ceo:
Buscarían sempre os meus ollos
os hourizontes e as estrelas¡¡¡
Merquei novecentos centímetros de pan,
de sudor, de cheirume, de traballo,
de paciencia , de escravitude e de honor.
Merquei o meu cadaleito, o mar.
Merquei a miña liberdade, o meu barco
E merquei o meu sono, detrás dun timón. 

martes, xaneiro 15, 2013

A marea no xanrei, de José Biobardi

Xanrei, por Roberto Castro da Librería Sisargas
(Debuxo inspirado no tango de José Biobardi)


Eu varado no Xanrei
agardo por miña amada,
baixo a luz do albor,

nesta rocha fronteiriza
entre o meu mundo e o seu
na que vivimos os dous

unha hora cada día,
unha pinga no eterno,

antes de saír o sol.

Na que bailamos ben xuntos
e nos amamos a modo

antes de saír o sol.


Retrouso:

Sube coa lúa

a melancolía  
preamar ás oito
-anunciaba o diario.  
A mais afouta onda 
móllame o corazón
móllame o corazón  
que se torna pesao.



Ninguén aprobou o noso,
advertironnos ben cedo

que cerca estaba o final:
“Nunca un home mariño

e unha mariscadora
xuntos poderán vogar!”

Pero todos estes meses
de soñar e bailar xuntos

foron quen de me enganar
crin que dúas vontades

lonxe de todo prexuizo
poden vaciar o mar.




(Retrouso)


Onte non veu á cita
e a ausencia sen aviso

confirmoume o peor
que o seu bico doutro día,

un trebón nas nosas bocas,
anunciábame o adiós,

o naufraxio das linguas,
o pique da miña vida,

a quebra do corazón,
o afundimento de todo

o garete das palabras
a deriva do aló.



(Retrouso)



Na entrada sobre o III día Urbano Lugrís  xa expliquei algo mais sobre este tango de José Biobardi.

Días despois Nacho López, de Jarbanzo negro e mil proxectos máis, envioume unha versión que segúndo él é unha grabación sinxelinha para ter a idea, hai cousas que se poden millorar e outras que se poden cambiar. 


Poden escoitala pulsando no título:

(Arranxos musicais e interpretación Nacho López)