martes, xaneiro 22, 2013

Atrás queda mañá no Diario Cultural da RG

Os amigos do Diario Cultural da RG leron hoxe a miña proposta para o sonigrama 68: Atrás queda mañá

Poden escoitalo premendo aquí (a partir do min. 44:20, aprox)

Atrás queda mañá (sonigrama 68)

Proposta para o sonigrama 68 do Diario cultural da Radio galega:


Non é doado fuxir de cada día:

coller un cadilac

-un vello coche sen dirección hidraúlica-



           (Na radio só emiten falsos temas de onte)



e demasiado amodo

deixar atrás as mesas de cociña.



O escai do asento queima

como a lista da compra:

mellor paro na selva



             (os catro intermitentes)



E,

ainda que morra afogado,

provocarei á besta,

o rei dos paxaros carnívoros,

trotando cos meus

diante das súas fauces.







Para que vou acordar

se son quen son:

un centauro azul e retroactivo?


Poden escoitar os sons que me ¿inspiraron? premendo aquí.


luns, xaneiro 21, 2013

Os nove metros, de Xosé Iglesias, mariñeiro

Unha das maiores sortes de participar no obradoiro In nave civitas foi coñecer a Xosé Iglesias un home que sabe do que escribe e sabe escribir -e escenificar- o poema da súa vida:



NOVE METROS

Merquei, nove metros de liberdade,
a cambio de ser un escravo do mar.
Hipotequei o meu destiño o vento,
a calma, as ondas , a maraxe.....
Os trescentos sesenta rumbos do compás
e as noites debaixo do universo.
Merquei, nove metros de océano,
o acuario eterno onde os meus sonos
se mezclan entre cardumes e sereas.
Firmei contrato indefinido co ceo:
Buscarían sempre os meus ollos
os hourizontes e as estrelas¡¡¡
Merquei novecentos centímetros de pan,
de sudor, de cheirume, de traballo,
de paciencia , de escravitude e de honor.
Merquei o meu cadaleito, o mar.
Merquei a miña liberdade, o meu barco
E merquei o meu sono, detrás dun timón. 

martes, xaneiro 15, 2013

A marea no xanrei, de José Biobardi

Xanrei, por Roberto Castro da Librería Sisargas
(Debuxo inspirado no tango de José Biobardi)


Eu varado no Xanrei
agardo por miña amada,
baixo a luz do albor,

nesta rocha fronteiriza
entre o meu mundo e o seu
na que vivimos os dous

unha hora cada día,
unha pinga no eterno,

antes de saír o sol.

Na que bailamos ben xuntos
e nos amamos a modo

antes de saír o sol.


Retrouso:

Sube coa lúa

a melancolía  
preamar ás oito
-anunciaba o diario.  
A mais afouta onda 
móllame o corazón
móllame o corazón  
que se torna pesao.



Ninguén aprobou o noso,
advertironnos ben cedo

que cerca estaba o final:
“Nunca un home mariño

e unha mariscadora
xuntos poderán vogar!”

Pero todos estes meses
de soñar e bailar xuntos

foron quen de me enganar
crin que dúas vontades

lonxe de todo prexuizo
poden vaciar o mar.




(Retrouso)


Onte non veu á cita
e a ausencia sen aviso

confirmoume o peor
que o seu bico doutro día,

un trebón nas nosas bocas,
anunciábame o adiós,

o naufraxio das linguas,
o pique da miña vida,

a quebra do corazón,
o afundimento de todo

o garete das palabras
a deriva do aló.



(Retrouso)



Na entrada sobre o III día Urbano Lugrís  xa expliquei algo mais sobre este tango de José Biobardi.

Días despois Nacho López, de Jarbanzo negro e mil proxectos máis, envioume unha versión que segúndo él é unha grabación sinxelinha para ter a idea, hai cousas que se poden millorar e outras que se poden cambiar. 


Poden escoitala pulsando no título:

(Arranxos musicais e interpretación Nacho López)

luns, xaneiro 14, 2013

III DÍA LUGRÍS (22.12.2012)




 
  Urbano Lugrís ( Fuente de la imagen

 
20:00 horas. Ao pé do obelisco.










Ao son da gaita e o tambor debuxamos nos nosos paraugas motivos mariños para lucir na manifestación atlántica que nos levou atá o lugar no que Urbano Lugrís tivo o seu estudio (Rúa da Estrela).

Os siareiros do pintor sur-marino manifestámonos aos gritos de

“O que pintou a marola, pintou a mar toda!”

“Menos derrotismo e máis surrealismo!”

Unha manifestación a favor que foi recibida polas terrícolas e os terrícolos con acenos de asombro.





20:30 horas. Camarote submarino.




Na rúa da mantelería, Pablo Outón rematou o seu frustrado grafite do ano pasado nunha das paredes que pechaba o estudio no que Urbano Lugrís pintou moitas das obras das que tanto gustamos.

 No 2011 cando estaba pintando a policía do Concello retiroulle o materia e a pintura quedou a medias. Este ano, xa con licenza municipal, a rúa de Mantelería conta cun novo grafite.


(Pablo Outón retoca o grafite mentras entoa o berro mollado)


Despois da cea pasamos a ver o grafite e Outón dixo: "As pinturas, como ás mulleres, hai que velas de día!” 

A mañá seguinte a obra estaba así:



21:00 horas. A habitación do vello mariñeiro.

Acto poético do colectivo In nave civitas no bar Borrazás (rúa do Orzán)

Xosé Iglesias:

TRANSFUSIÓN OCEÁNICA

Eu, creo que sou humano reconvertido,
e sinto, que nalgún momento
sufrín transfusión oceánica,
porque esta sangue do meu corpo
non é sangue, é sangue salgada.
Sinto tamén que sufrín metamorfose,
non é nariz a miña senón proa,
non son brazos os meus senón amuras
e as miñas costelas cadernas…
Todo min forma un esqueleto naval.
E esa barriga que se afunde no mar
estabilidade contras as ondas de costado.
Son humano, son barco, son tantas cousas.....
Eu, creo que son árbore, porque sempre me chove,
sempre me venta, sempre me dá o sol.
tamén creo que sou paxaro, porque os peixes
venme   voar   entre  as  ondas, e subo, baixo,
fago  siluetas acrobáticas ou  simplemente voo raso.
Así me ven, un paxaro voando no océano…
Miran cara enriba, e alí estou coa proa,
as amuras, a popa, a barriga, o eixe…
Eu son mariñeiro,  e  o mar móllame   a  alma,
salinízame e golpéame o corazón.
e eu, non podo  facer máis nada,
senon  ser   árbore,  ser barco,  ser  paxaro...
en serio,  nada podo  facer,

NADA, PORQUE MARIÑEIRO SOU.

Teresa Ramiro:


Se queres escrever este país, aprende primeiro a lé-lo
Mía Couto

A RABALEIRA

Sobre a pedra de A Rabaleira
deslizan seus sonhos ,os percebeiros,
sombras dunha esperanza que se quebra
coma a onda na crista dos rochedos.
Coiteladas de vida
coiteladas de sal !...

Rabaleira ti es pedra ,eles son carne,
terra e vento ,inmersos no mesmo mar.
Sobre o teu ventre fecundo brincan
enchendo de vida o cesto dos sonhos.


Coiteladas de vida
coiteladas de sal !...


Con sorrisos de escuma mordendo con furia,
sedento de sombras , en doce cantiga,
vestindo de lágrimas un berro amargo,
o mar os arrola ,roubándolles a vida.

Coiteladas de vida
coiteladas de sal!...


NO MAR CRECERÁN SEMPRE ROSAS.

Destes versos tirou unha música Xurxo Souto que interpretou por vez primeira ese día:



Xurxo Gago:

O GRELLE

Baixo o ceo do atlántico
un pequeno recuncho resgardado
tralos meixóns do Gancho,
O Grelle, co seu areal dourado.
Augas verdes, fitoplacton,
diversidade de fauna e flora
nun mundo máxico mergullado
de centolas e de gorgonias,
de nudibranquios e de esponxas,
somerxido lenzo debuxado
pola natureza benfeitora
nun atraente lugar enfeitizado.
Teno escrito na súa historia,
aqueles tempos de paga e cobra,
do pagadoiro do fielato,
e os consumeiros noutrora,
naqueles tempos do pasado,
mercadorías e manobras
cobradores entregaban robras
e O Grelle teno gravado.
Neste recuncho resgardado
dos ventos recollido
vese un mundo ven pintado
de fortes cores moi vivos.
É O Grelle refuxiado,
na cidade dos sentidos,
na Coruña, cidade barco
a dos futuros soños cumpridos.


Rodrigo Osorio:

José Biobardi foi un coñecido cantante de tangos bonaerense que na década dos vinte competiu en xusta lid con Gardel polo cetro de rei do tango, a súa querencia pola bohemia e o hampa, e o seu nulo control das súas máis baixas pasións fixerónlle ser moito mellor cantante, autor e intérprete que Carlitos pero menos de fiar para as compañías discográficas, polo que hoxe é un descoñecido do que só disfruta un selecto grupo de melómanos sibaritas.

Biobardi morreu, como non podía ser doutro xeito, nunha liorta nun modesto lupanar, hoxe visitado por moitos dos seus seareiros.

Aquilino Fernández Artelo no breve ensaio As orixes galegas do tango (Imprenta de la Universidad Nacional de Buenos Aires, 2003). sostén que “Biobardi” era un falso apelido pseudo italián que usou un inmigrante coruñés, Xosé Falperra, como nome artístico na escea porteña. Baseaba a súa tese no falso lunfardo que adoitaba empregar Biobardi nas súas letras, plagado de galeguismos (por exemplo o “asiña”, empregado na súa coñecida milonga “Tango y medio”), na testemuña dalgún dos seus veciños e no ruxerruxe de que José levaba tatuada unha Torre de Hércules no peito.

O número 17 da revista arxentina A media luz ven de publicar A marea no Xanrei, de José Biobardi con este texto explicativo das circunstancias do seu achado:

O texto que hoxe publicamos apareceu escrito no reverso dunha factura de alugueiro dentro dun exemplar de Romancero gitano cheo de anotacións feitas pola man do gran tanguista José Biobardi. A lingua na que está escrito é, como saberán a maioría dos nosos lectores, galego o que semella confirmar as recentes teorías sobre a orixe española do célebre tanguista, (...)

A aparición destes versos semella confirmar (como di o redactor de A media luz) a hipótese defendida por Fernández Artelo. O tanguista escribía as cancións primeiro en galego e logo as vertía ao español deixando algunhas verbas da súa lingua materna que pasaron, por obra e graza da sona que os seus temas tiveron no seu tempo, ao lunfardo. A referencia ao Xanrei so pode confirmar a súa orixe coruñesa pois ise e o nome dun dos cons máis saudosos da costa da Coruña.

-->
A MAREA NO XANREI, de José Biobardi



Eu varado no Xanrei

agardo por miña amada,

baixo a luz do albor,

nesta rocha fronteiriza

entre o meu mundo e o seu

na que vivimos os dous

unha hora cada día,

unha pinga no eterno,

antes de saír o sol.

Na que bailamos ben xuntos

e nos amamos a modo

antes de saír o sol.



Retrouso:



Sube coa lúa

a melancolía

preamar ás oito

-anunciaba o diario.

A mais afouta onda

móllame o corazón

móllame o corazón

que se torna pesado.



Ninguén aprobou o noso,

advertironnos ben cedo

que cerca estaba o final:

“Nunca un home mariño

e unha mariscadora

xuntos poderán vogar!”

Pero todos estes meses

de soñar e bailar xuntos

foron quen de me enganar

crin que dúas vontades

lonxe de todo prexuizo

poden vaciar o mar.



(Retrouso)





Onte non veu á cita

e a ausencia sen aviso

confirmoume o peor

que o seu bico doutro día,

un trebón nas nosas bocas,

anunciábame o adiós,

o naufraxio das linguas,

o pique da miña vida,

a quebra do corazón,

o afundimento de todo

o garete das palabras

a deriva do aló.



(Retrouso)



Foi imposible recuperar a música orixinal do tango pero Nacho López (de Jarbanzo Negro) interpretouno no Borrazás despois de reconstruila:




Outra versión do tango pódena escoitar aquí.


Logo, Serafin Mourelle, patron do mar de Irlanda, recitou dos poemas que ainda non puiden recuperar para incorporar a esta crónica.

Manuel Rivas uniuse ao acto e recitou:

MEU AMOR CONTRABANDISTA

Meu amor anda ás crebas pola beiramar.
Vai preñada de vento,
vai preñada de néboa,
do lóstrego vai,
todo o apaña
apáñao todo
coa luz beatísima do seu vesgo ollar.
O ben que se leva co temporal,
como o amansa,
24 fotogramas por minuto,
a dureza mística,
a luz facinorosa
do seu pestanexar.
E el dálle zapatos sempre do mesmo pé,
o andar dos deuses coxos do mar.
Meu amor enche o ventre
de seixos silábicos,
de runas, de aghoams,
de voces baixas,
pictogramas coprófagos
que crían nos excrementos da lúa.
Meu amor anda ás crebas pola beira da esfera,
nas estradas solitarias,
no ceo dos manequíns
onde rompen as nubes,
nos cemiterios dos pingüíns xigantes
cos seus portafolios de naturezas mortas.
Vai preñada por dentro,
cara dentro,
como unha guía en tempo de éxodo.
Ese ollar delincuente,
ese corpo de contrabandista de seda,
esa voz rouca.
Durmía cos ollos abertos meu amor.
Non sei vivir
sen o rumor do seu vesgo ollar.
Meu amor anda ás crebas na noite.
Apaña os restos aleixados
do ben e do mal,
un cargamento ultramarino de esdrúxulas,
un fardo de cousas septiformes,
o contedor de frascos de potencias da alma.
Veni Sancte Spiritus,
meu amor atopou ao bébedo Xonás.
Meu amor di que Xonás era el o gran peixe.
Xonás preñado de seu,
de abismo.
Meu amor funde os pés na area,
leva no ventre un arfar canso de nai virxe,
un canto de gorxa inuit,
o nome impronunciábel do mesmo temporal.
Meu amor vai parindo de pe
o poema da illa.
Cercada polas ondas,
o corpo aberto,
a ollada fértil,
as mans vesgas
a amasar,
a levedar o tempo petrificado.
Et tui amoris in eis ignem accende
and kindle in them the fire of thy love.
Meu amor enténdese co mar,
ese fillo de puta,
meu amor.


Epílogo: A cea coruñesa. (Cosmoba, rúa do Orzán)

O noso señor Lugrís inventou o que deu en chamar o "menú tradicional coruñés" que de acordo coas testemuñas consistía en:

- Tortilla de longueiróns de Bastiagueiro
- Faneca de pilo (de Riazor)
- Ternera lardeada con pementos de Betanzos
- Sobremesas: canas con limón e canela, papas de arroz á vainilla e queixo de Texeiro.
- Viños do Ribeiro, tinto er blanco, e agudelo de Betanzos.
- Café e licores.
- Farias da fábrica de tabacos da  Coruña

Ante as imposibilidades física (moitos dos produtos xa non existen nin os nosos estómagos serían quen de soportar a inxente cantidade de comida) de reproducir a mítica cea coruñesa que argallou Lugrís, Xurxo Souto encargou aos do Cosmoba unha cea mariñeira digna do noso señor Urbano Lugrís.

Como proba os dous platos principais:




O postre foi unha contundente larpeira cuberta de chiculate.

Comida, viño, música e ledicia... Que mellor xeito de celebrar a obra de Urbano Lugrís?



E -como di o noso capitán (Xurxo Souto)- para rematar... Que continúe!



Medre o mar!
Coiteladas de vida! Coiteladas de sal!


Fotos e videos: Ana B.; Xosé Iglesias e Xurxo Gago.

sábado, xaneiro 12, 2013

A elección (Sonigrama 67)

Esta é a miña proposta para o sonigrama 67 do Diario cultural da Radio Galega:


A elección

“Aqui ten que ser”

- Bos días! Onde teñen...? Grazas, xa as vexo ao fondo do pasillo.

“A ver esta... Que preguiza! A vermella aquela ten boa pinta...” 

“É lenta, moi pausada, lenta dabondo.” 

“E aquela sinxeliña do recuncho?” 

“Si, señor. Esta é...”

- Canto custa? Aquí ten. Pódema envolver para agasallo?
-  Bo día!

***


- Pinocchio, ven un momento. Teño unha cousa para ti. 
- Papa, é...

- Si, meu ben, a túa alma: un espíritu firme, animoso, alegre. O ritmo que te levará ao futuro.


Lérona (e interpretarona moi ben) en antena o 10.01.2013 . Podedes escoitar a versión que fixeron neste enlace a partir do minuto 45:28


Diario cultural do 10.01.2013

Os sons que ten que inspirar o sonigrama os poñen despois, podedes escoitalos tamén no feisbuc do Diario cultural.